A Caniza realizou a presentación oficial da 60ª Festa – Feira do Xamón, que se celebrará o 15 de agosto na Carballeira do Cacharado.
O acto estivo presidido polo alcalde, Luis Piña, acompañado dos concelleiros Paula Bacelar e Rubén Muiños. No acto estiveron presentes tamén o alcalde de Crecente, Julio García-Luengo; o alcalde do Carballiño, Paco Fumega; a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeiras; e o presidente da Câmara Municipal de Melgaço, José Albano Esteves. Tamén estivo presente o delegado especial do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades.
A presentación contou tamén coa participación do recoñecido mestre xamoneiro Víctor Burgos, responsable desde hai máis dunha década dalgunhas das actividades máis destacadas da programación da Feira do Xamón. Será o encargado de coordinar o Concurso de Cortadores de Xamón, que se celebrará o propio 15 de agosto, así como da elaboración do tradicional bocadillo de xamón, prevista para o 13 de agosto, e da Master Class de Corte de Xamón, programada para o 14 de agosto.
A Carballeira do Cacharado volverá ser o gran punto de encontro da xornada gastronómica da feira, onde os asistentes poderán adquirir, por un prezo popular de 8 euros, unha ración de xamón en cinco elaboracións diferentes: xamón serrano de máxima calidade, xamón asado no seu propio zume acompañado da salsa típica da zona, tortilla de xamón, croquetas e empanada artesá elaborada nun forno tradicional familiar.
O ticket incluirá tamén un vaso de viño albariño das adegas locais Eido da Fonte e Abelán, ambas recoñecidas con numerosos premios e distincións pola calidade dos seus viños, ou auga e pan, ademais dunha pañoleta conmemorativa da 60ª edición e da participación no sorteo de dous xamóns.
“Falar do xamón de A Caniza é dicilo todo. O 15 de agosto é unha data moi especial para toda a comarca e ten un significado moi importante para moitas xeracións de veciños e veciñas da Caniza e da súa área de influencia. O nome da Caniza está inevitablemente ligado ao seu produto máis emblemático” sinalou o alcalde, Luis Piña.
Durante a súa intervención lembrou tamén que o xamón “non é só o protagonista dunha celebración anual, senón un sinal permanente de identidade do municipio”.
O rexedor tivo tamén palabras de recoñecemento para o mestre xamoneiro Víctor Burgos, a quen agradeceu o seu compromiso coa Feira do Xamón durante máis dunha década, coordinando o Concurso Nacional de Cortadores, a Master Class de Corte de Xamón e a elaboración do xa tradicional bocadillo xigante.

