Os nenos e nenas que participan no campamento municipal Mañás de Verán, organizado polo Concello de Mos, tomaron parte nunha nova edición do programa Os Veráns de LecerConsumo, promovido polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.
Na actividade participaron un total de 35 menores, que ao longo da mañá, entre as 10:30 e as 14:00 horas, participaron en distintas quendas organizadas por idades para adaptar os contidos e as dinámicas a cada grupo.
Durante a xornada desenvolvéronse as actividades “Xogueteando” e “Xincana de Consumo Responsable”, nas que os participantes aprenderon, a través de xogos e retos, cuestións relacionadas co consumo responsable, a reutilización de recursos, a sustentabilidade e o respecto polo medio ambiente.
O programa Os Veráns de LecerConsumo é unha iniciativa gratuíta que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia ofrece aos concellos galegos co propósito de fomentar hábitos de consumo responsables entre a poboación máis nova, aproveitando o período estival para combinar aprendizaxe e lecer.
Dende a concellería de Educación do Concello de Mos destacan que “este tipo de actividades complementan moi ben a programación de Mañás de Verán, porque permiten que os rapaces e rapazas adquiran coñecementos e valores de maneira participativa e entretida. É importante aproveitar estes espazos para traballar cuestións como o consumo responsable ou o coidado da contorna desde idades temperás”.

