HomeNewsActualidadePonteareas promove o programa "Talento Mozo" con emprego e formación remunerada

Ponteareas promove o programa “Talento Mozo” con emprego e formación remunerada

O Concello de Ponteareas activa unha nova ferramenta co obxectivo de combater o desemprego e impulsar a inserción laboral da mocidade local co lanzamento do programa “Compromiso Xuvenil II”. Esta iniciativa que combina formación remunerada e emprego, enmárcase dentro do plan “Talento Mozo”, promovido de forma directa polo Concello de Ponteareas e financiado pola Xunta de Galicia, a través de la Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, xunto con Fondo Social Europeo Plus (FSE+).  

O programa beneficiará a un total de 16 persoas desempregadas menores de 30 anos e está previsto para o vindeiro mes de setembro. O prazo de inscripción no programa remata o vindeiro día 12 de agosto. A gran vantaxe de “Compromiso Xuvenil II” é o seu modelo mixto, que garante a alternancia entre a capacitación teórica e o traballo efectivo. Deste xeito, os alumnos-traballadores asinarán un contrato de traballo de 12 meses de duración e percibirán unha remuneración equivalente ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) dende o primeiro día.

A alcaldesa, Nava Castro, destacou a importancia estratéxica de dar continuidade a esta liña de axudas laborais no municipio, poñendo de manifesto que o programa “supón unha oportunidade de ouro para fixar e potenciar o talento da nosa mocidade sen que teñan que marchar fóra”. A alcaldesa enfatizou sobre o dobre beneficio do programa, manifestando que “damos un emprego digno e remunerado dende o primeiro minuto a 16 mozos da vila, ao tempo que incorporamos profesionais cualificados para dinamizar dous sectores estratéxicos como son o noso turismo e as actividades socioeducativas e de lecer tanto infantís como xuvenís”.

O proxecto

O proxecto estrutúrase en dúas especialidades específicas, adaptadas ás demandas actuais do tecido socioeconómico local, como é a de “Dinamización Turística”, unha formación de Nivel 3 dirixida a potenciar o patrimonio, a cultura e os recursos locais. O requisito académico de acceso para este itinerario é contar co título de Bacharelato ou equivalente. Son oito os contratos que se ofrecen ao igual que para a especialidade de “Dinamización Socioeducativa, Lecer e Tempo Libre”, unha formación orientada ao deseño e execución de actividades educativas, xuvenís e comunitarias. O requisito de acceso para esta especialidade é posuír a ESO ou FP Básica.

Para poder formar parte do proceso selectivo, as persoas candidatas deben cumprir obrigatoriamente cuns requisitos técnicos directos, como é ser menor de 30 anos e estar en situación de desemprego, estar inscrito como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia e ter activo o perfil no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Todas as persoas que cumpran co perfil deben dirixirse de inmediato á Oficina de Emprego de Ponteareas, situada na rúa Trovador Xoán García de Guillade.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS