HomeNewsActualidadeVolve estar prohibido o baño en varios areais do Concello de Baiona

Volve estar prohibido o baño en varios areais do Concello de Baiona

O Concello de Baiona vén de infromar de que os resultados das últimas analíticas realizadas polo Programa de Vixianza Sanitaria das Zonas de Baño da Xunta de Galicia detectaron un episodio puntual de contaminación microbiolóxica nas augas de baño das praias de Santa Marta, A Ladeira e Ribeira.

En aplicación do establecido no Real Decreto 1341/2007, do 11 de outubro, sobre a xestión da calidade das augas de baño, e como “medida estrictamente preventiva para garantir a protección da saúde pública”, o Concello decidiu proceder ao izado da bandeira vermella e á prohibición temporal do baño nestes tres areais ata que as novas analíticas confirmen que a auga volve reunir as condicións sanitarias esixidas.

Pola súa banda, o Concello de Baiona quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía e visitantes, xa que “este tipo de episodios poden producirse de forma puntual e as medidas adoptadas responden ao protocolo previsto para estes casos”.

A maiores indican que, “dende o mesmo momento que se tivo coñecemento dos resultados”, o Concello de Baiona, en coordinación coa empresa concesionaria do Servizo Integral da Auga, GESTAGUA e Augas de Galicia, “iniciaron unha investigación para determinar a posible orixe desta incidencia”, revisando as infraestruturas de saneamento e abastecemento e analizando todas as posibles causas.

Entre as principais hipóteses avaliadas, existe a posible aportación de augas procedentes do río Miñor cara o areal de A Ladeira, así como a influencia de que as intensas chuvias rexistradas durante a pasada fin de semana puideran ter influido na calidade microbiolóxica da auga. Nestes momentos, aseguran dende o goberno local, “non existe ningunha conclusión definitiva, polo que as investigacións todavía están abertas”.

Paralelamente, xa foron solicitados novos mostreos e analíticas co fin de comprobar a evolución dos parámetros microbiolóxicos e levantar as restriccións tan pronto como os resultados acrediten novamente a aptitude das augas para o baño.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS