HomeNewsActualidadeO Concello do Porriño investirá máis de 350.000 euros na renovación das...

O Concello do Porriño investirá máis de 350.000 euros na renovación das súas áreas infantís

O Concello do Porriño dá un novo paso na modernización dos seus espazos públicos coa próxima licitación das obras de mellora de 11 parques infantís do municipio, cun orzamento total de 225.000 euros. Este novo paquete de actuacións súmase aos 125.000 euros xa licitados para a intervención nos tres parques de Torneiros, elevando o investimento total destinado á renovación e posta a punto das zonas de xogo infantís do municipio a máis de 350.000 euros.

A nova licitación de 225.000 euros permitirá extender a modernización da rede municipal de parques tanto ao casco urbano como ás distintas parroquias. Dependendo do estado das instalacións, contémplase a colocación de novos elementos de xogo ou a reparación dos existentes. Do mesmo xeito, procederase á renovación dos pavimentos continuos por superficies amortecedoras e accesibles, ao tempo que se adecuarán as zonas de descanso.

As actuacións son diversas: no parque de Mosteiro, por exemplo, resituaranse os elementos existentes, repararase un elemento do parque biosaudable, instalarase un novo multixogo e bancos para o descanso, e cambiarase o pavimento. No parque de Carracido, ademais da instalación dunha mesa de pedra, colocarase unha tirolina e un muro de escalada. No parque de Sanguío, ademais do cambio de pavimento, instalaranse novos xogos infantís: un balancín, un tobogán e unha mesa de xogo. E así, ata 11.

As obras xa están en marcha

Mentres se ultiman os trámites para lanzar a licitación dos 11 novos parques, os traballos nos tres espazos infantís de Torneiros xa se atopan en plena execución. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Parques e Xardíns, Marcos Martínez, visitaron recentemente os avances destas obras, cuxa actuación de maior envergadura se concéntrase na Fase II, cun orzamento específico de 70.234,82 euros.

“Queremos seguir mellorando o que máis nos importa, os mais cativos e cativas”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo durante a visita, engadindo que os de Torneiros son o comezo, os primeiros espazos en mellorar con “espazos máis seguros modernos e accesibles”.

Esta intervención en Torneiros inclúe a creación dunha nova zona de xogo dotada de pavimento de céspede artificial ou a instalación duns estanque ornamental accesible de 38 metros cadrados con iluminación LED subacuática.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS