HomeConcellos +A CañizaO Concello da Caniza arranxará os problemas de humidades na Escola Infantil...

O Concello da Caniza arranxará os problemas de humidades na Escola Infantil durante o mes de agosto

O Concello de A Cañiza pechará as instalacións da Escola Infantil Municipal durante o mes de agosto para executar obras de mellora destinadas a corrixir as humidades estruturais. As actuacións, cun investimento de 47.372,67 €, financiadas integramente con fondos municipais, teñen como obxectivo actuar sobre a orixe das humidades estruturais e mellorar as condicións de habitabilidade, seguridade e confort da escola antes do inicio do vindeiro curso.

O alcalde, Luis Piña, informou esta mañá de que a Escola Infantil Municipal permanecerá pechada durante o próximo mes de agosto e que a actividade estará “centrada principalmente na corrección das humidades provocadas por un defecto construtivo que o inmoble arrastra desde a súa apertura no ano 2010”. “Ao longo destes anos leváronse a cabo diversas actuacións para tratar de solucionar esta problemática, sen que ningunha delas lograse erradicala de maneira efectiva, polo que agora se acometerá unha intervención integral deseñada para actuar sobre a orixe destas deficiencias”, asegurou o rexedor.

A situación motivou a redación dun proxecto de acondicionamento integral do edificio co obxectivo de mellorar as condicións de habitabilidade, seguridade e confort dun edificio destinado á atención educativa da primeira infancia. Neste contexto, o Concello adxudicou, mediante un procedemento de emerxencia, a execución destas obras á empresa Multiservicios Renova S.L., por un importe de 47.372,67 euros (IVE incluído).

A intervención contempla a impermeabilización dos cerramentos para actuar sobre a orixe das humidades, así como a reparación dos danos ocasionados por estas no interior do edificio. Ademais, inclúe a instalación de detectores de fume, a reparación de canalóns e cubertas, a restauración de paredes, falsos teitos e pavimentos e a instalación dunha pérgola bioclimática para crear unha zona de sombra no patio exterior.

Segundo explicou o alcalde, “as obras programáronse aproveitando o mes de agosto, tras consensualo previamente coas familias usuarias da Escola Infantil Municipal, co obxectivo de concentrar nese período o mes de vacacións que cada neno e nena debe desfrutar ao longo do curso, de acordo coa normativa vixente. Esta planificación foi comunicada á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, permitindo executar as obras sen afectar ao funcionamento ordinario do centro e garantindo a súa reapertura con total normalidade ao inicio do novo curso”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS