O PSdeG-PSOE xa ten en marcha o proceso para elixir os seus candidatos ás eleccións municipais de 2027. O partido celebrará primarias en sete concellos galegos de máis de 20.000 habitantes: Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra, Ferrol, Narón, Oleiros e Ponteareas. A data fixada para a votación é o domingo 19 de xullo, tal e como estableceu a dirección federal socialista.
O calendario aprobado deixa fóra destas primarias de xullo as cidades onde os socialistas xa ocupan a alcaldía, como Vigo e A Coruña, onde os rexedores serán os candidatos sen necesidade de pasar por este proceso. Tampouco figura na lista a cidade de Ourense, o que non implica necesariamente que quede excluída de cara ao futuro, xa que a executiva do partido contempla a posibilidade de abrir novos calendarios en setembro ou novembro.
Prazos e esixencias para os aspirantes
O proceso será moi rápido. Segundo o calendario do PSOE, os aspirantes teñen os días 2 e 3 de xullo para presentar as súas precandidaturas. A partir de aí, abrirase a fase de recollida de avales, que deberán contar co apoio de entre o 15% e o 20% da militancia local, incluídas as Juventudes Socialistas.
Para concorrer, non é imprescindible ser militante, aínda que quen non o sexa deberá asinar un “Compromiso Socialista” e cumprir cos requisitos internos do partido. Unha vez proclamadas as candidaturas, a campaña interna desenvolverase entre o 12 e o 18 de xullo.
Se nalgún concello se presenta unha candidatura única ou se, tras o proceso de avales, só queda un aspirante, non será necesaria a votación; esa persoa será proclamada automaticamente cabeza de lista. En caso contrario, o 19 de xullo, os militantes poderán votar entre as 10:00 e as 20:00 horas. Se ningún candidato supera o 50% dos votos na primeira volta, celebrarase unha segunda quenda o 26 de xullo.
Debates e igualdade de condicións
Durante a campaña de información, o partido garante que todas as candidaturas disporán dos mesmos recursos, incluíndo espazos nas sedes locais e na web oficial. Ademais, o Comité Organizador deberá organizar, como mínimo, un debate entre os aspirantes proclamados.
A ratificación final das listas dependerá da poboación de cada municipio: o Comité Federal validará as candidaturas das cidades de máis de 50.000 habitantes e capitais de provincia, mentres que os comités autonómicos farano nos concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes.

