A convocatoria extraordinaria da PAU (a antiga selectividade) comezou este martes en Galicia sen rexistrar ningún contratempo. Un total de 2.916 estudantes enfróntanse a estes exames, que se prolongarán ata o vindeiro xoves. A cifra de matriculados mantense en liña con anos anteriores, repartíndose entre os que buscan recuperar materias pendentes do bacharelato e aqueles que se presentan ás probas voluntarias para subir a súa nota de acceso á universidade.
Esta xornada de inicio estivo protagonizada por exames como Historia de España, Lingua Castelá e Historia da Filosofía. Pola tarde, a atención centrouse en materias como Debuxo Técnico, unha das probas que máis controversia xerou na edición ordinaria a principios de mes debido aos erros na formulación das preguntas.
Nova presidencia na CIUG
Esta edición extraordinaria marca tamén o inicio dunha nova etapa na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), o organismo responsable de organizar o proceso. A catedrática da Universidade de Vigo, María del Carmen Cabeza, asumiu a presidencia tras o cesamento, o pasado xoves, do seu antecesor, Iván Area, que se viu envolto nas semanas previas na xestión da polémica pola calidade dos exames ordinarios.
Segundo trasladou a propia CIUG nun comunicado, a primeira xornada desenvolveuse con normalidade, garantindo a equidade e a transparencia do proceso. A comisión fixo un recoñecemento público ao esforzo de todo o persoal implicado na organización e agradeceu a actitude do alumnado, ao que cualificou de respectuosa e fundamental para o correcto desenvolvemento das probas.

