O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este venres ata Viana do Bolo para coñecer de primeira man os danos causados polas intensas choivas dos últimos días. Tras percorrer as zonas máis castigadas, o líder socialista esixiulle á Xunta de Galicia que “non perda máis tempo” e active de inmediato o plan de emerxencia para mobilizar recursos cara aos núcleos afectados.
“Estamos ante unha emerxencia total. Se isto non é unha emerxencia, que o é?”, cuestionou Besteiro, quen lamentou ver “ata catro metros de recheo” de terra, pedras e restos vexetais enriba de vivendas e accesos. O dirixente vinculou directamente este desastre coa falta de actuacións nos montes tras os incendios do pasado verán, advertindo de que o abandono das zonas queimadas converteu o terreo nunha trampa sen barreira natural ante as tormentas.
“Un tsunami de lama e pedras”
O alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila, cualificou o sucedido como un auténtico “tsunami” que arrasou co que atopou ao seu paso. Os núcleos máis golpeados son A Bouza, Pradocabalos, Pixeiros e O Castro. En Pradocabalos, a acumulación de restos orgánicos chegou a poñer en serio risco unha ponte que, de ceder, podería ter provocado danos moito máis graves nos pobos situados augas abaixo.
O rexedor detallou que a escena en A Bouza é desoladora, con regatos transformados en vías de arrastre que deixaron estradas cortadas e veciñanza illada. Algunhas persoas perderon o acceso ás súas vivendas ou sofren dificultades extremas de mobilidade tras ver como a lama destruía infraestruturas básicas.

Sen servizos básicos
A situación no municipio segue sendo precaria. Segundo explicou García-Ávila, varias familias continúan sen subministración eléctrica e con serios problemas para acceder a auga potable, polo que o Concello está a realizar repartos de emerxencia. Ademais, o goberno local xa iniciou o acompañamento aos veciños na tramitación de seguros e peritaxes, á espera de que a Xunta formalice as axudas necesarias.
O alcalde reiterou que, ante a magnitude dos estragos, o Concello utilizará todas as vías legais, incluída a posibilidade de declarar a zona como catastrófica, para garantir que se invistan os fondos precisos para recuperar a normalidade. “Non nos vai tremer o pulso para esixir o que lle corresponde á nosa veciñanza”, sentenciou o rexedor, mentres os servizos de emerxencia se manteñen en alerta ante a posibilidade de que novas precipitacións volvan complicar os traballos de limpeza e retirada de material.
Declaracións do secretario xeral do PSdeG:
Declaracións do alcalde:

