HomeNewsActualidadePonteareas licita as obras de asfaltado en Celeiros para mellorar a seguridade...

Ponteareas licita as obras de asfaltado en Celeiros para mellorar a seguridade na zona

O Concello de Ponteareas vén de sacar a licitación as obras de pavimentación de camiños municipais Celeiros, unha actuación que ten por obxectivo mellorar as condicións de circulación, a seguridade viaria e a accesibilidade nesta parroquia do municipio.

O proxecto contempla a renovación da capa de rodadura dos viarios incluídos na actuación, así como a execución de diferentes traballos complementarios destinados a garantir unha maior durabilidade do firme e unha mellora xeral das condicións de uso. Entre as actuacións previstas inclúense o recheo de fochancas, a limpeza de cunetas e noiros, o varrido do firme existente, a aplicación de rega de adherencia e a extensión dunha nova capa de aglomerado asfáltico, ademais da reposición e posta en cota de tapas de rexistro e a correspondente sinalización viaria.

O orzamento base de licitación ascende a 83.361,75 euros, IVE incluído, e o prazo de execución previsto é de dous meses desde o inicio das obras.

As empresas interesadas en participar nesta licitación deberán presentar as súas ofertas exclusivamente por vía electrónica a través da Plataforma de Contratación do Sector Público. O prazo de presentación será de 20 días naturais contados desde o día seguinte á publicación do anuncio de licitación. Toda a documentación deberá estar asinada electrónicamente mediante certificado dixital válido e presentarse en galego ou castelán. A información completa do procedemento, así como as guías de axuda para a presentación das ofertas, están dispoñibles na Plataforma de Contratación do Sector Público e na sede electrónica do Concello de Ponteareas.

O concelleiro de Vías e Obras, Juan Carlos González, destaca que “seguimos avanzando na mellora das infraestruturas municipais e dando resposta ás necesidades que nos traslada a veciñanza. O mantemento dos camiños e estradas municipais é fundamental para garantir a seguridade e a calidade de vida no rural”.

“Esta actuación permitirá mellorar notablemente o estado de conservación dos viarios, facilitando os desprazamentos diarios e reforzando a seguridade tanto para os vehículos como para as persoas usuarias”, subliñou a alcaldesa, Nava Castro.

Segundo recolle o proxecto, a actuación “permitirá mellorar a adherencia, a regularidade superficial e a durabilidade do firme, favorecendo tamén os accesos ás vivendas e explotacións agrarias da zona”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS