HomeNewsActualidadeMondariz avanza na procura de novas oportunidades en materia de solo empresarial

Mondariz avanza na procura de novas oportunidades en materia de solo empresarial

A conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, vén de manter en Vigo unha reunión de traballo co alcalde de Mondariz, Pablo Barcia, co obxectivo de analizar as necesidades actuais en materia de solo empresarial no municipio e estudar posibles vías de desenvolvemento que permitan impulsar a actividade económica local.

Durante o encontro abordouse a posibilidade de habilitar novas figuras para o desenvolvemento de solo industrial, unha cuestión que podería supoñer unha oportunidade estratéxica para favorecer a implantación de novas iniciativas empresariais, facilitar o crecemento das pequenas e medianas empresas xa existentes en Mondariz e contribuír á creación de novos postos de traballo a curto prazo.

Desde o Concello “considérase fundamental seguir avanzando en solucións que dean resposta ás necesidades do tecido produtivo local, traballando de maneira paralela no desenvolvemento da área empresarial da Lagoa, proxecto clave dentro da planificación económica e industrial do municipio”.

Pola súa banda, a conselleira destacou durante a reunión a “aposta da Xunta de Galicia por reforzar a competitividade industrial da comunidade, sinalando que Galicia contará no ano 2030 con case 12 millóns de metros cadrados de novo solo industrial, grazas a un investimento superior aos 440 millóns de euros”.

Deste total, a provincia de Pontevedra “disporá de 3,2 millóns de metros cadrados, cun orzamento próximo aos 139 millóns de euros”, co obxectivo de ofrecer unha rede de solo empresarial “máis competitiva, equilibrada e adaptada ás necesidades do tecido produtivo”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS