As principais organizacións sindicais —UGT, CSIF, CCOO e CIG— romperon relacións coa Administración e veñen de anunciar un calendario de mobilizacións en todo o ámbito da Seguridade Social. O motivo é o “reiterado incumprimento” por parte do Goberno dos compromisos laborais e organizativos adquiridos, unha situación que, segundo os sindicatos, lastra tanto as condicións dos empregados públicos como a calidade do servizo que reciben millóns de cidadáns.
A primeira acción de protesta terá lugar este 17 de xuño. Entre as 11:00 e as 11:30 horas, os traballadores concentraranse fronte ás direccións provinciais e os servizos centrais do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS). En Galicia, a Coruña figura entre as cidades que acollerán estas concentracións, sumándose a outros puntos do Estado como Madrid, Sevilla, Valencia ou Bilbao.
Incumprimento de acordos clave
O foco do conflito sitúase no estancamento do Acordo do 16 de maio de 2023, asinado coa Secretaría de Estado da Seguridade Social. As centrais denuncian que a Administración non está a desenvolver as medidas de modernización pactadas nin a aplicar a recente normativa sobre xornada e calendarios laborais aprobada para o conxunto da Administración Xeral do Estado.
A lista de queixas é longa: desde a falta de avances na estabilización e rexuvenecemento dos cadros de persoal, ata a carencia de medidas reais para a cobertura de postos, a promoción profesional ou a mellora da formación. Os sindicatos advertiron que esta falta de acción está a provocar un aumento crítico das cargas de traballo, nun escenario marcado polo envellecemento dos cadros de persoal e a “insuficiencia de efectivos”.
Calidade do servizo en risco
Para os representantes sindicais, a situación actual é “especialmente grave” porque, ademais de atentar contra dereitos laborais xa consolidados, pon en risco a eficiencia dunha institución que cualifican de “esencial para o Estado do Benestar”.
UGT, CSIF, CCOO e CIG xa adiantaron que estas protestas son só o inicio dunha loita que manterán ata que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións adopte decisións concretas. A súa esixencia é clara: cumprir o pactado e dotar á Seguridade Social dos recursos humanos e organizativos necesarios para ofrecer un servizo público moderno e de calidade á cidadanía.

