Alberto Núñez Feijóo volveu lanzar este venres un desafío directo ao Goberno de Pedro Sánchez. Desde o Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, o presidente do Partido Popular reclamou a convocatoria de eleccións xerais “canto antes” e presentou unha folla de ruta de dez reformas económicas e institucionais que, ao seu xuízo, son vitais para executar a “reconstrución nacional” do país.
O acto, que contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e destacados representantes do tecido industrial como a presidenta do Celta, Marián Mouriño, tivo un marcado carácter preelectoral. Feijóo sostivo que o Executivo actual “esgotou a confianza da cidadanía” e que a situación política bloquea a resolución dos problemas reais.
Auditoría e rebaixas fiscais
Entre as propostas económicas centrais, Feijóo comprometeu unha auditoría exhaustiva das contas públicas para esclarecer o destino dos fondos europeos e o impacto da débeda acumulada. “Quero que se saiba a verdade total”, afirmou ante o auditorio.
O líder dos populares tamén puxo o foco na política tributaria, anunciando unha revisión de todas as subas de impostos aprobadas nos últimos anos. O seu obxectivo é aplicar rebaixas fiscais tanto para familias como para empresas, tomando como modelo a xestión económica desenvolvida polo PP durante os seus anos á fronte da Xunta de Galicia, comunidade á que cualificou como un “referente de boa xestión”.
Produtividade e simplificación burocrática
No ámbito laboral e empresarial, Feijóo lanzou unha mensaxe clara sobre a competitividade: defendeu que calquera mellora salarial debe estar ligada directamente ao aumento da produtividade e á redución do absentismo laboral.
Así mesmo, o candidato popular apostou pola simplificación administrativa para facilitar o investimento. Entre as medidas concretas, propuxo un sistema de recoñecemento mutuo de licencias entre comunidades autónomas para evitar que as empresas deban repetir trámites burocráticos en diferentes territorios. “España non pode aspirar a traer máis investimento mentres siga aumentando a presión sobre quen crea emprego”, advertiu, insistindo na necesidade de estabilidade regulatoria para impulsar o crecemento económico.

