O Concello de Ponteareas vén de aprobar inicialmente o reformado do proxecto da segunda fase do saneamento da parroquia de Ribadetea, unha actuación que permitirá seguir ampliando a rede de recollida de augas residuais nos
núcleos de O Portal de Dentro, Barxela e A Barronca e conectala coas infraestruturas xa previstas na primeira fase do proxecto.
A actuación forma parte do Plan Director de Saneamento de Ribadetea e supón un novo avance na estratexia do Goberno municipal para garantir que todas as parroquias do municipio conten cun servizo tan básico e esencial como é o saneamento público.
O proxecto, cun orzamento superior aos 1,3 millóns de euros, permitirá executar unha nova rede de saneamento que conectará coas actuacións xa previstas na Fase I, facilitando a posterior condución das augas residuais ata a estación depuradora de Ponteareas.
A concelleira de Infraestruturas Xerais, Saneamento e Augas, Raquel Bautista, destacou que “seguimos avanzando na planificación e execución das infraestruturas que Ponteareas necesita. O saneamento é un servizo básico e unha prioridade para este Goberno, especialmente nas parroquias que durante anos agardaron por investimentos deste tipo”.
Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, enmarca esta actuación dentro da aposta decidida do Concello pola modernización do ciclo integral da auga. “Estamos ante un momento histórico para Ponteareas. Temos xa iniciado un dos maiores procesos de transformación das infraestruturas hidráulicas do municipio, cun investimento previsto superior aos 18 millóns de euros que permitirá mellorar o abastecemento, o saneamento e a eficiencia do ciclo da auga en todo o concello”.
A rexedora engade que “o noso compromiso é que todas as parroquias conten cos mesmos servizos e oportunidades. Esta segunda fase de Ribadetea é un paso máis nese camiño e demostra que seguimos traballando para resolver necesidades históricas e construír un municipio máis sostible, máis moderno e con mellores servizos para toda a cidadanía”.
Tras a aprobación inicial do proxecto, o expediente continuará agora a súa tramitación administrativa coa solicitude das autorizacións sectoriais correspondentes e a apertura do período de información pública previo á súa aprobación definitiva.

