HomeNewsActualidadeO Porriño entrega este sábado os Premios Antonio Palacios a Gabri Veiga,...

O Porriño entrega este sábado os Premios Antonio Palacios a Gabri Veiga, o Xogo da Ola e Ceamsa, entre outros

A praza do Concello do Porriño vestirase de gala este sábado 13 de xuño ás 21:00h para acoller o acto oficial de entrega dos III Premios Antonio Palacios. Na cita, “especialmente emotiva” lembrarase a vida, o esforzo e o gran legado que estas persoas, entidades e empresas deixaron e seguen a deixar a súa pegada na historia do municipio.

Esta terceira edición dos galardóns do Concello do Porriño quere servir “como unha homenaxe pública e chea de gratitude cara a aqueles que representan o mellor dos valores da vila: a solidariedade, a defensa social, o talento, o dinamismo industrial e o orgullo polas tradicións compartidas”, aseguran dende o goberno local.

A gala terá momentos de gran carga emocional, destacando especialmente o recordo a Dora Carrera, fundadora da Asociación Érguete, que recibirá a título póstumo o Premio de Honra Antonio Palacios. O acto servirá para poñer en valor a súa loita incansable dende os anos 80 contra a droga, así como o seu labor pioneiro na atención integral das adiccións e o apoio familiar en Galicia.

Xunto a ela, o escenario da praza do Concello acollerá o recoñecemento a outras traxectorias imprescindibles para a comunidade porriñesa:

O Premio á Cultura recae no O Xogo da Ola: Un recoñecemento que vai directo ao corazón da identidade porriñesa. Con este premio lémbrase e apláudese a unión de moitas xeracións de veciños que lograron manter viva unha das tradicións máis singulares e representativas do patrimonio inmaterial da vila. O Xogo da Ola é unha cita única do Entroido porriñés.

O Premio ao Compromiso Social é para Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Rosais: Unha sentida homenaxe a un colectivo que é o piar fundamental da convivencia diaria no Porriño. Dende os anos 80 enroláronse na maioría de loitas sociais no municipio, dende a defensa dos dereitos das mulleres e contra a violencia de xénero ata a recollida de sinaturas para evitar a instalación da empacadora ou a presión social para eliminar o vertedoiro de Cataboi demostran que estas mulleres souberon combinar o acompañamento persoal coa presión estratéxica ante as institucións.O acto lembrará o seu constante labor a prol da igualdade, a integración, o apoio mutuo e a dinamización do lecer local, sempre tras o Entroido ou o Corpus.

O Premio ao Deporte será para Gabriel Veiga Novás (“Gabri Veiga”): O futbolista profesional será galardoado como un referente de superación, disciplina e humildade para a xuventude. A gala destacará o orgullo de que un veciño que comezou no deporte base sexa hoxe o mellor embaixador do nome do Porriño e de Galicia no fútbol internacional. Un porriñés que non deixa de colleitar éxitos: tras o seu paso polo Al-Ahli saudí (onde se proclamou campión asiático), regresou ao fútbol europeo fichando polo F.C. Porto. Nesta última tempada tivo un papel destacado e acaba de proclamarse campión da Liga de Portugal co conxunto luso a comezos de maio.

Finalmlente, o Premio á Empresa recae na Compañía Española de Algas Marinas (CEAMSA): Un recoñecemento á excelencia do tecido industrial porriñés. Celebrarase a traxectoria desta firma fundada en 1966, hoxe pioneira e referente mundial na innovación e produción de hidrocoloides naturais, exportando desde O Porriño para os cinco continentes.Foi, ademais a primeira empresa en implantarse no polígono de As Gándaras, un entorno ndustrial que dende aquela implantación non deixou de crecer, ao igual que esta empresa.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, explica que a cita do sábado 13 de xuño será un día para “o agradecemento e a admiración“, poñendo o foco nas historias humanas e colectivas que fan do Porriño un pobo unido e con futuro.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS