HomeNewsActualidadeO profesorado galego recuperará as 18 horas lectivas a partir de setembro

O profesorado galego recuperará as 18 horas lectivas a partir de setembro

A Xunta e catro sindicatos selan un novo pacto que inclúe a redución horaria para titores e o reforzo do persoal de atención á diversidade, mentres a baixada de ratios en Secundaria queda fixada para 2028

A Consellería de Educación e as organizacións sindicais CC OO, ANPE, UGT e CSIF oficializaron este venres a ampliación do Acordo de Mellora de 2023. O pacto, que entrará en vigor co inicio do curso en setembro, busca “blindar a calidade” do ensino público galego mediante melloras nas condicións laborais do profesorado de ESO, Bacharelato, Formación Profesional e réxime especial.

Un dos avances máis destacados é a recuperación das 18 horas lectivas semanais, unha medida que sitúa a Galicia entre os territorios con mellores condicións nesta etapa. Ademais, o acordo dá resposta a unha reivindicación “histórica”: o recoñecemento da función de titoría mediante unha redución do seu horario lectivo.

Reforzo da atención á diversidade

O acordo tamén contempla a consolidación de 400 novas prazas de especialistas para o Plan de atención á diversidade aprobado esta mesma semana polo Consello da Xunta. Segundo detallou o departamento que dirixe Román Rodríguez, a distribución será a seguinte:

  • Infantil e Primaria: Flexibilización dos criterios de acceso a especialistas, permitindo consolidar a 150 profesionais de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) que xa estaban por encima do catálogo.
  • ESO: Contratación progresiva, ao longo de dous cursos, de 200 especialistas de PT e 50 orientadores.

A baixada de ratios en Secundaria, para 2028

Aínda que a negociación avanza, a baixada de ratios en Secundaria segue sendo un punto pendente que deberá ratificarse nunha vindeira Mesa Sectorial. Non obstante, Educación xa adiantou que o descenso de 30 a 25 alumnos pasará a ser efectivo en setembro de 2028. En Bacharelato, Galicia continuará coa súa progresiva redución ata acadar os 30 estudantes por aula, mellorando así a actual cifra de 33 alumnos.

Os sindicatos asinantes valoraron positivamente o pacto, cualificándoo como un “avance fundamental” para a estabilidade do emprego docente e a mellora organizativa dos centros. Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, subliñou que estas medidas “integrales” demostran que “o diálogo dá os seus froitos” á hora de afrontar os novos retos educativos.

Escoita as declaracións do conselleiro:

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS