O sector da automoción en Galicia segue a amosar sinais de fortaleza. Tras pechar un 2025 con cifras récord —cunha facturación de 13.300 millóns de euros e máis de 559.000 vehículos producidos en Balaídos—, a industria celebrou este venres a súa asemblea anual do clúster Ceaga. O encontro serviu para lanzar unha mensaxe de unidade e resiliencia ante un escenario global convulso.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aproveitou a cita para anunciar unha nova liña de axudas de 45 millóns de euros, que se concretará o vindeiro mes. Estes fondos enmárcanse no Plan Director de Automoción, dotado con 230 millóns, e teñen como obxectivo facilitar a transición cara ao vehículo eléctrico e a descarbonización das empresas galegas.
A aposta pola inversión de SAIC
Un dos puntos centrais da intervención de Rueda foi a posible chegada da planta europea de MG (grupo chinés SAIC) a Galicia. O mandatario amosouse optimista e sinalou que o “ecosistema” da automoción galega é un activo “determinante” para que a comunidade se faga con esta importante inversión. “Hai novas oportunidades e eu espero que teñamos boas noticias”, afirmou Rueda, que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.
Stellantis mantén o rumbo
Pola súa parte, o director da planta de Stellantis Vigo, José Luis Alonso Mosquera, buscou transmitir tranquilidade sobre a factoría viguesa. Mosquera confirmou que os plans para as furgonetas K9 e o Peugeot 2008 permanecen “inalterables”.
O directivo insistiu en que a planta traballa xa na eficiencia de custos e na preparación de futuros lanzamentos. Ademais, fixo un chamamento á “axilidade” para captar novas oportunidades, incluíndo a posibilidade de que os modelos de Leapmotor —actualmente producidos noutras plantas españolas— poidan xerar carga de traballo para a rede de provedores galegos se o sector sabe reaccionar a tempo.
Retos futuros: enerxía e tecnoloxía
A presidenta de Ceaga, Patricia Moreira, fixo fincapé no “momento de fortaleza” do sector, destacando que a automoción galega segue a ser un referente internacional grazas á súa capacidade de adaptación. Con todo, o sector mantén a alerta ante a factura enerxética e a necesidade de mellorar a competitividade mediante a intelixencia artificial e a innovación.
Para consolidar esta posición, o clúster xa traballa con dúas novas iniciativas que contan co apoio da Xunta:
- Un catálogo que recolla as capacidades tecnolóxicas das empresas para diversificar negocio.
- Un estudo de prospectiva para anticipar as tecnoloxías que marcarán o futuro da mobilidade.
Declaracións do Presidente da Xunta a continuación:

