O Concello da Caniza vén de entregar os premios dos certames literarios das Letras Galegas 2026. Así, o acto de entrega tivo lugar no propio día da festividade no Salón de Plenos da Casa Consistorial.
Os premios repartíronse segundo as diferentes categorías, por unha banda o XXVII Concurso de Poesía, que constaba de dúas categorías (de 6 a 12 anos, e de 13 a 17) e o XXV Concurso de Relatos, coas mesmas categorías segundo as idades. Así, os gañadores e gañadoras foron as seguintes:
XXVII Concurso de Poesía
1ª Categoría (6 a 12 anos)
Premio de 120 € e diploma para Veronika Chepkalenko, polo poema “Sementes de Prata”.
2ª Categoría (13 a 17 anos)
Premio de 120 € e diploma para Estela Sendín Rodríguez, polo poema “E con isto queren mellorar”.
XXV Concurso de Relatos
1ª Categoría (6 a 12 anos)
Premio de 120 € e diploma para Emma Vidal Le Drô, polo relato “O misterio da variña máxica”.
2ª Categoría (13 a 17 anos)
Premio de 120 € e diploma para Adriana González Leira, polo relato “O mundo literal”.
O xurado estivo integrado por profesorado dos departamentos de Lingua Galega e Castelá do CPI da Caniza e polo concelleiro de Cultura, valorando especialmente a creatividade, a orixinalidade e a forza expresiva dos traballos presentados.
Tras a entrega de premios o alcalde da Caniza, Luís Piña, destacou “a importancia de seguir creando espazos onde a mocidade poida expresarse en galego con creatividade” e puxo en valor “o papel das familias no apoio á lectura e á escritura desde idades temperás”, sinalando que “cada edición destes concursos confirma que hai unha xeración nova con talento, sensibilidade e interese pola nosa lingua”.
Continúa a programación das Letras Galegas
O calendario cultural das Letras Galegas 2026 continúa este sábado, 23 de maio, cun novo evento musical: o Concerto Coral das Letras Galegas 2026, que terá lugar ás 20:30 horas no auditorio municipal da Caniza.
O evento contará coa participación da Coral Polifónica Vivacce da A.E.C.C de Vigo, a Coral Polifónica Fogar de Breogán e a Coral Polifónica A Caniza.

