O Concello de Mos vén de participar no Encontro Estatal 2026 do Pacto das Alcaldías, celebrado en Santiago de Compostela, onde presentou o proxecto de Espazo verde municipal no Polígono Empresarial da Veigadaña, orientado a atenuar o efecto illa de calor urbano, unha iniciativa impulsada para transformar unha zona degradada nun novo refuxio climático e espazo verde de uso público.
O evento, organizado pola Xunta de Galicia, foi inaugurado pola conselleira Ángeles Vázquez. Tamén contou coa participación de Bruno Mola, representante da Comisión Europea, quen explicou a conexión entre as políticas Europeas e a acción local.
A exposición do proxecto correu a cargo da enxeñeira municipal, Raquel González, quen explicou os detalles técnicos dunha actuación que busca reducir o impacto das altas temperaturas no entorno industrial da Veigadaña mediante solucións sostibles e baseadas na natureza. Ao acto asistiu tamén a concelleira de Medio Ambiente Laura Méndez.
Durante a súa intervención, Raquel González destacou que o proxecto combina recuperación ambiental, mellora paisaxística e adaptación ao cambio climático, creando unha nova área de descanso e esparexemento conectada coa zona de peregrinos do Camiño de Santiago xa existente na contorna.
A actuación inclúe a limpeza e recuperación do terreo, acondicionamento do camiño, instalación de mobiliario urbano sostible e iluminación con balizas solares alimentadas con enerxía 100% renovable, así como a plantación de árbores e especies autóctonas que favorecen a creación de sombra e a mellora da biodiversidade.
O proxecto conta cun investimento total de 52.283,51 euros, financiado nun 80% pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia a través do programa Galicia Refuxio Climático, mentres que o Concello de Mos achegou o 20% restante.
O Encontro Estatal 2026 do Pacto das Alcaldías reuniu en Santiago a administracións locais, técnicos e responsables institucionais de toda España para compartir experiencias e boas prácticas en materia de acción climática, adaptación ao cambio climático e políticas de sustentabilidade municipal.

