HomeNewsActualidadePonteareas estrea unha nova escola infantil de 1 millón de euros para...

Ponteareas estrea unha nova escola infantil de 1 millón de euros para impulsar a conciliación

Alfonso Rueda, Luis López e Nava Castro presentan o novo centro, un edificio integrado na natureza que contou co financiamento conxunto da Xunta e a Deputación

O Concello de Ponteareas conta desde este mércores cun novo servizo estratéxico para a conciliación. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente da Deputación, Luis López, e a alcaldesa, Nava Castro, inauguraron hoxe a nova escola infantil da vila, situada no Parque Ferro Ucha. O proxecto, que supuxo un investimento de 1 millón de euros, é froito dunha “cooperación leal” entre as tres administracións para dar resposta ao reto demográfico.

A nova infraestrutura foi financiada de xeito conxunto: a Consellería de Política Social da Xunta achegou o 54 % (570.000 €), mentres que a Deputación de Pontevedra asumiu o 46 % restante (case 490.000 €) a través do plan +Provincia. Pola súa banda, o Concello de Ponteareas foi o encargado de promover esta iniciativa, que xa é unha realidade para a veciñanza.

Un espazo moderno e en contacto coa natureza

Durante o percorrido polas instalacións, os mandatarios destacaron a calidade e o deseño do edificio, pensado para que os máis pequenos estean en contacto directo co medio natural. O centro organízase arredor dun patio interior rectangular con acceso desde todas as aulas e conta con tres zonas de patio vexetal equipadas con árbores e céspede.

Luis López definiu o inmoble como “moderno, bonito e integrado na contorna”, mentres que Alfonso Rueda e Nava Castro coincidiron en sinalar a importancia de dotalos de servizos de calidade para fixar poboación e facilitar o día a día das familias.

Máis de 7,5 millóns de investimento provincial

A inauguración serviu tamén para facer balance do apoio da Deputación a Ponteareas. No que vai de mandato, o organismo provincial mobilizou máis de 7,5 millóns de euros no municipio en plans de cooperación.

Entre as obras destacadas figuran a nova pista de atletismo (835.000 €), a mellora da piscina (1,35 M€) ou o proxecto de musealización do Corpus (170.000 €). “A colaboración permanente cos concellos é a nosa razón de ser”, concluíu o presidente provincial.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS