O Concello de Arbo e a empresa Montouto 2000 formalizaron a sinatura dun convenio de colaboración co obxectivo de acometer o acondicionamento integral do vial que conecta os núcleos das Laxas e Vilar. Esta intervención permitirá renovar unha vía de titularidade municipal que actualmente presenta deterioros significativos polo paso do tempo e o uso continuado.
O proxecto responde á necesidade urxente de mellorar a seguridade vial nun treito que amosa fochancas e irregularidades no pavimento. Coa execución destas obras, o Concello persegue “tres obxectivos fundamentais: a seguridade vial, o benestar veciñal e a conservación do patrimonio”.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, amosouse moi satisfeito pola sinatura deste convenio,
destacando que “a prioridade do goberno local é manter as infraestruturas en condicións óptimas para o día a día dos residentes”.
“Con esta actuación no vial de As Laxas a Vilar, non só eliminamos puntos conflitivos para o tráfico, senón que garantimos unha comunicación máis fluída e segura entre os nosos núcleos de poboación”, sinalou o rexedor.
A actuación destaca polo seu modelo de xestión. A empresa Montouto 2000, que tamén utiliza esta vía para o desenvolvemento da súa actividade, manifestou a súa vontade de colaborar co Concello executando as obras pola súa exclusiva conta.
“Esta colaboración non implica gasto algún para as arcas municipais nin xera dereitos especiais de uso ou propiedade para a entidade privada sobre o dominio público”, destaca o alcalde de Arbo, Horacio Gil.
Segundo o proxecto técnico datado en marzo de 2025, os traballos contan cun orzamento de 90.280,50 € e consistirán na limpeza e preparación previa do firme actual, regularización de superficies e estendido dunha nova capa de rodadura e mellora da drenaxe e sinalización, garantindo a seguridade integral de todo o treito.

