O Concello do Porriño saca a licitación as obras dos novos parques infantís e equipamentos deportivos en Torneiros cun orzamento de 124.999,99 con IVA. Estes traballos de mellora afectan e cambiarán a fisonomía das áreas de recreo das Fases I,II e III desta zona residencial.
Na Fase I, cun orzamento de 13.829,48 €, instalarase un novo balanceador de madeira laminada e aceiro, realizarase unha limpeza do multixogo xa existente e instalaranse novos asentos nos columpios (incluíndo un para bebés) ademais dun valado de madeira de 66 metros de lonxitude. Prepararase unha base de zahorra e céspede artificial en 175 m2, xunto coa restauración e renovación dos columpios e xogos infantís.
A zona de maior intervención, cun orzamento de 70.234,82 €, é a fase II que inclúe a creación dunha zona nova de xogo de 11×16,5 m con pavimento de céspede artificial, a instalación dun novo multixogo e unha mesa de xogos con bancos. Ademais, proxéctase un estanque ornamental accesible de 38 m2 con iluminación LED subacuática un banco corrido de granito do Porriño .
O granito do Porriño en bancadas e xardineiras complementa un novo espazo verde dando identidade e e harmonía cromática ao conxunto. Ademais en todo o contorno do parque renovarase a xardinería con especies arbustivas e tapizantes adaptadas ao clima atlántico, mediante unha composición de baixo mantemento formada por arbusto estrutural e especies tapizantes para xerar un espazo verde, confortable e harmonioso, integrado co entorno.
Na Fase III instalarase unha casiña infantil. O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que esta actuación “non é só unha reforma estética, senón unha aposta decidida pola calidade de vida e a seguridade das familias de Torneiros”. O rexedor subliñou o valor de utilizar materiais da terra, como o granito Rosa Porriño, para embelecer os espazos públicos
As obras estarán rematadas antes do 30 de xuño, e están financiadas pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU, dentro do Plan Recuperación, Transformación e Resiliencia, e conta coa colaboración da Xunta de Galicia.

