O Concello de Baiona vén de manter unha reunión coas diferentes comisións de festas da localidade co obxectivo de facilitar os trámites e garantir a seguridade das verbenas e festas tradicionais.
Na reunión participaron representantes das comisións da Virxe da Celda de Baredo, Santa Cristina de Ramallosa, Santa Mariña de Baíña e Santa Marta. Pola súa banda, a concellería de Festexos do Concello explicou o marco legal aplicable e aclarou as dúbidas sobre a delimitación das responsabilidades das partes implicadas.
A iniciativa busca facilitar o labor das comisións, ofrecendo información clara para o cumprimento da normativa vixente e garantindo que os festexos se desenvolven con todas as garantías de seguridade.
Durante a sesión abordáronse as obligacións establecidas na Lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, no Decreto 226/2022 que a desenvolve, así como na Lei 9/2013, incidindo en aspectos clave como a seguridade, a responsabilidade e os controis administrativos.
A maiores, o Concello entregou unha guía que pretende funcionar como folla de ruta cos principais pasos a seguir; incluíndo cuestións como a responsabilidade da organización, a autorización do uso do chan, o contido da declaración responsable e aspectos de seguridade como a planificación de riscos, seguros, contratos e controis de aforos.

