O maxistrado da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Ourense, praza 1, vén de imputar ao alcalde de Ourense a posible comisión dun delito continuado de prevaricación por non solicitar a compatibilidade entre a súa condición de rexedor municipal con dedicación exclusiva e o desenvolvemento de actividades profesionais, en especial a dirección dunha televisión local.
Por iso, o xuíz instrutor dá por concluída a investigación e decreta que se continúe a tramitación das dilixencias previas polos trámites do procedemento abreviado, por se os feitos imputados ao alcalde fosen constitutivos do devandito delito, tipificado no artigo 404 do Código Penal.
Así, ordena que se dea traslado ao Ministerio Fiscal e á acusación particular, a fin de que formulen escrito de acusación, solicitando a apertura de xuízo oral ou o sobresemento da causa, sen prexuízo de que poidan solicitar excepcionalmente a práctica das dilixencias complementarias que consideren imprescindibles para formular a acusación.
Na resolución, o xuíz matiza que non se cuestiona que o alcalde careza da compatibilidade, senón o feito de que, estando obrigado, non a solicitase.
“No suposto de autos, é evidente que as actividades que desenvolve o señor alcalde fóra do Concello de Ourense, en especial a dirección de Auria TV, lle supoñen ingresos de certa entidade”, destaca o maxistrado no auto, no que recalca que é “evidente” a obriga que ten o alcalde de solicitar a compatibilidade, polo que conclúe que a súa decisión de non instar a declaración de compatibilidade “só obedece ao seu interese particular”.
O xuíz conclúe que a posición do rexedor municipal ao non solicitar a compatibilidade a teor da normativa indicada é “totalmente arbitraria e carecedora do máis mínimo respaldo legal ou xurisprudencial, e iso con independencia de que se lle recoñeza ou non”.

