O presunto asasino de Soufian M.I., o mozo asasinado en Salceda de Caselas, será xulgado esta semana por un xurado popular na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.
Os feitos ocorreron na madrugada do 8 de xuño de 2019 á saída dun local de copas en Salceda de Caselas.
Ao longo deste luns será constituído o xurado, e posteriormente está previsto que declare o acusado, Florian R., e comecen as testificais, que continuarán pola tarde, tal e como avanzou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Mañá, martes, declararán 17 axentes da Garda Civil e cinco peritos; e o mércores o xurado popular comezará a deliberar.
O acusado, de nacionalidade albanesa, foi detido en xaneiro de 2024 no Reino Unido e extraditado a España por eses feitos que sucederon hai case 7 anos.
O suceso
Segundo está recollido no escrito de acusación, o día dos feitos, en torno ás 04:50 horas, a vítima atopábase na terraza do bar La Parchita cuns amigos, e o agresor, achegouse a el. Tras falar, este recriminoulle de “forma violenta” que lle tirase a copa, empuxouno, colleuno pola camiseta e forzaxeou con el ao tempo que o levou á praza do Concello.
No camiño, o agredido caeu ao chan e o acusado, nese momento, sacou un coitelo e cravoullo ata en tres ocasións en zonas vitais. Tras o suceso, saiu correndo.
O ferido, levantouse e saiu tras el, ata que chegou a un banco situado na praza, onde se sentou suxeitando a zona do estómago. Momentos despois, intentou retomar a marcha, pero caeu e faleceu debido a unha hemorraxia externa e interna masiva secundaria ás feiras causadas por unha arma branca, con perforación do corazón.

