Martes, Marzo 3, 2026
HomeActualidadeDeportesO Balonmán Porriño afoga na beira fronte ao Rocasa

O Balonmán Porriño afoga na beira fronte ao Rocasa

As louriñesas non foron quen de erguerse da súa mala xeira fronte ao líder da categoría

Nunha igualada cita, correspondente á 21ª xornada da Liga Guerreras Iberdrola, o Conservas Orbe Zendal BM Porriño volveu quedarse sen premio e ás portas do trunfo. Sucedeu ante o Rocasa Gran Canaria, no Pabellón Municipal de O Porriño, nun encontro que se saldou co marcador final de 18-20 e coas insulares coma líderes e porriñesas coma sextas na táboa.

O comezo do encontro foi de cor amarela. O Rocasa endosou un rápido parcial de 0-5 ás galegas e levou o encontro a un ritmo alto no que o Porriño non se sentiu cómodo. Isma Martínez fixo mudas e axustamentos co propósito de atopar solucións ofensivas e que o equipo comezase a carburar no ataque e ser sólido na defensa. Así a todo, antes do descanso as locais manterían a diferenza mais non lograrían endereitar ese inicio tan feble. Ao tempo de lecer chegaban cun 6-11, cifras anotadoras impropias no equipo porriñés.

Nos períodos finais as locais reaccionaron. Tralo reinicio do encontro lograrían contestar ao parcial inicial cun 4-0, reducindo as diferenzas. Mais esa diferenza dun único punto (15-16) acabaría tornándose nun muro imposible de sortear ata o remate. As canarias, cunha gran actuación da súa porteira e tirando de experiencia estiveron máis acertadas nos momentos chave e conseguiron levar o control do partido e o resultado.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS