Sábado, Abril 4, 2026
HomeNewsActualidadeCovelo escoita á súa mocidade este xoves no Auditorio Municipal

Covelo escoita á súa mocidade este xoves no Auditorio Municipal

O Concello de Covelo vén de convocar á mocidade do municipio, de entre 16 e 35 anos, a un encontro informativo que terá lugar o vindeiro xoves 5 de marzo, ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal de Covelo.

A reunión ten como obxectivo presentar os obradoiros incluídos no programa “Xuventude a Máis”, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra que busca fomentar a participación xuvenil e ofrecer alternativas de ocio saudable, ao tempo que promove o desenvolvemento persoal, creativo e social da mocidade.

Nesta edición, o Concello de Covelo apostou por unha programación variada e adaptada aos intereses actuais da xuventude, que inclúe un obradoiro de saúde mental e autocoidados, un curso de DJ, un obradoiro de edición de vídeo e fotografía e unha formación en adestramento canino.

Ademais, durante o encontro presentarase o programa +XUVENTUDE 2026, promovido polo Servizo de Xuventude e Reto Demográfico da Deputación, que contempla axudas destinadas á posta en marcha de iniciativas de interese social promovidas pola propia mocidade da provincia de Pontevedra ao longo do ano 2026. A sesión contará coa presenza de persoal técnico da Deputación, que ofrecerá información detallada sobre as convocatorias e resolverá as dúbidas das persoas asistentes.

Ademais, dende o Concello destacan que este encontro tamén será “un espazo de escoita activa, no que se recollerán propostas e suxestións da mocidade co obxectivo de deseñar unha programación anual máis participativa e axustada ás súas necesidades”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS