Luns, Febreiro 9, 2026
HomeNewsO PaísComenzan os traballos para reparar os danos causados pola chuvia na Muralla...

Comenzan os traballos para reparar os danos causados pola chuvia na Muralla de Lugo

A Xunta iniciou este luns os traballos para reparar os danos rexistrados na Muralla de Lugo debido ás intensas chuvias rexistradas nas últimas xornadas. O delegado territorial, Javier Arias, estivo hoxe novamente na zona onde o pasado sábado se produciu un desprendemento de pedras para comprobar o inicio das actuacións, que consisten na retirada do material afectado e a posterior reconstrución do tramo danado.

Arias confirmou que o desprendemento se debeu a unha “situación atmosférica excepcional” e afectou a “un lenzo interior que non pertence ao trazado orixinal da Muralla romana, senón que é froito dunha reconstrución posterior, feita a comezos do século pasado para ensanchar o adarve, co retranqueo do muro interior”.

A zona afectada polo derrube foi totalmente perimetrada este luns e o paso polo adarve da Muralla permanece aberto. No que atinxe á rúa do Moucho, decidiuse cortar o tráfico de viandantes durante uns días co fin de facilitar o traballo dos operarios e garantir a seguridade.

O delegado territorial confirmou que, a maiores das labores de desescombro e reconstrución da zona danada, realizarase “unha inspección completa do trazado da Muralla para comprobar se existen danos nalgún outro punto”, aproveitando a monitorización feita ao abeiro do Plan Director de conservación e xestión da Muralla.

Arias puxo en valor a rapidez da resposta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ante este derrubamento e destacou que “desde o primeiro momento activamos os medios técnicos e humanos para actuar con axilidade, garantir a seguridade das persoas e preservar a integridade da Muralla.” Subliñou que “estamos a falar dun ben de valor histórico, cultural e simbólico incalculable para Lugo que ocupa un lugar destacado no compromiso do Goberno galego co patrimonio cultural, o que se traduce en actuacións concretas, investimentos continuados e tamén na capacidade de reacción ante situacións excepcionais coma esta”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS