Martes, Febreiro 3, 2026
HomeComarcasLouriñaMos chora a perda de María Belén, a sexta víctima de violencia...

Mos chora a perda de María Belén, a sexta víctima de violencia machista en España

O documento municipal expresa a “fonda condolencia e solidariedade” coa familia da vítima e condena con rotundidade a violencia machista,

O Concello de Mos celebrou este luns pola tarde un pleno extraordinario no Pazo de Mos para aprobar unha declaración institucional polo asasinato da veciña de Sanguiñeda, María Belén Fernández, nun acto marcado pola solemnidade, a unidade política e a dor compartida do municipio.

Durante a sesión, os portavoces dos grupos municipais tomaron a palabra antes de que a alcaldesa, Nidia Arévalo, dese lectura ao Manifesto Institucional. O documento expresa a “fonda condolencia e solidariedade” coa familia da vítima e condena con rotundidade a violencia machista, reafirmando o compromiso firme do Concello coa igualdade e coa erradicación de todas as súas formas.

O texto sinala que o sucedido “non pode ser entendido como un feito illado nin alleo á realidade social”, senón como “unha das manifestacións máis graves da desigualdade entre mulleres e homes e unha vulneración intolerable dos dereitos humanos”. Tamén destaca que “a violencia machista non é un problema privado nin doméstico, senón unha cuestión de interese público que afecta á convivencia, á seguridade e á dignidade das persoas”.

A corporación municipal lembrou que o Concello decretou tres días de loito oficial, vixentes entre o 2 e o 4 de febreiro, coa suspensión de actos públicos e as bandeiras a media hasta nas instalacións municipais.

Tras o pleno, celebrouse unha concentración no exterior do propio Pazo de Mos, á que asistiron numerosas veciñas e veciños. O acto consistiu nun silencio colectivo en sinal de dó e acompañamento á familia e persoas achegadas da vítima. Durante a concentración, a avogada do CIM municipal, Ana Cabaleiro —tamén veciña da falecida—, leu unhas palabras de recordo.

A alcaldesa, Nidia Arévalo, cualificou o pleno extraordinario como “un exercicio de responsabilidade institucional”, subliñando que “non mirar para outro lado” é imprescindible para actuar “con claridade e firmeza” ante feitos tan graves. Engadiu ademais que Mos “reafirma o seu compromiso coa igualdade, coa dignidade das mulleres e cunha sociedade libre de violencia”.

No acto estiveron presentes diferentes representantes institucionais, entre eles o Abel Losada, así como responsables doutras administracións locais e provinciais, como o alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo, a alcaldesa do Rosal Ánxela Fernández e a alcaldesa de Tomiño Sandra González. Tamén asistiu a deputada provincial de Servizos Sociais e Igualdade Paula Bouzós e o portavoz municipal do PP en Salceda (o terceiro concello da comarca) Santiago Rodríguez Davila.

Ademais, participaron os servizos municipais de Emerxencias e a Policía Local, xunto coa corporación municipal e numerosas persoas convocadas para amosar o seu apoio á familia e o seu rexeitamento firme da violencia machista.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS