As obras de humanización da estrada Pereigas-Tameiga atópanse en fase de execución. En concreto, a actuación supón un investimento global de arredor de 1,5 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria, a mobilidade peonil e a cohesión territorial do municipio.
Ata o lugar, desprazáronse a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada polos concelleiros Camilo Grandal e Laura Méndez. Durante a visita, comprobaron o avance dos traballos neste tramo de 1.414 metros, que discorre dende o Camiño da Laxiña ata o núcleo da Candosa, atravesando as parroquias de Pereigas, Tameiga, Sanguiñeda e Petelos.
O obxectivo é transformar unha vía estreita e insegura nun itinerario accesible, funcional e sustentable, deseñado baixo criterios de humanización e accesibilidade universal.
No marco da execución da obra, o Concello de Mos tamén iniciou nestes días reunións coas traídas de auga veciñais afectadas, co obxectivo de coordinar e facilitar a actualización das traídas veciñais no tramo en obra na medida do posible, antes da finalización da fase de asfaltado.
Son cinco as traídas implicadas –Tameiga-Baixiña, Petelos-Tameiga, Sanguiñeda, Candosa e
Petelos-, que deberán analizar esta opción nas súas respectivas asembleas e valorar tamén as subvencións ás que poden optar para acometer estas melloras. Esta coordinación permitirá optimizar os traballos, facilitar a renovación das infraestruturas e evitar futuras intervencións unha vez rematada a obra.
Proxecto de humanización
O proxecto inclúe a ampliación da calzada, a creación dunha senda peonil accesible, a reurbanización do núcleo de Pedraúcha cunha zona de convivencia peonil e calmado de tráfico, a rehabilitación integral do firme, a instalación de pasos de peóns elevados e redutores de velocidade, a renovación do sistema de drenaxe, a modernización da iluminación pública con tecnoloxía LED, o soterramento das redes eléctricas e de telecomunicacións, así como a incorporación de mobiliario urbano, varandas de protección e sinalización horizontal e vertical.
O prazo de execución previsto da obra abrangue ata finais do mes de outubro, e a actuación inclúe tamén medidas de eficiencia enerxética, accesibilidade universal e mellora ambiental, completando o corredor humanizado dende San Eleuterio ata Pereiras.

