Hoxe celebrouse na Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) a terceira xuntanza da mesa de traballo para a elaboración dun protocolo de seguridade para o persoal do Servicio de Axuda no Fogar (SAF), na que o ISSGA presentou unha nova versión revisada da proposta a partir das achegas recibidas.
A reunión contou coa participación da Inspección de Servizos Sociais, a Delegación do Goberno, as asociacións empresariais AGESAF e ASADE, os sindicatos CCOO, CIG, CSIF e UGT e o Colexio Oficial do Traballo Social. Pola banda da FEGAMP, participou unha delegación encabezada polo seu presidente, Alberto Varela, acompañado por Ángel Moldes (Poio), Secundino García (San Sadurniño) e María Barral (Betanzos).
Os traballos desenvolvéronse en torno a este segundo borrador elaborado polo ISSGA, tras contextualizar os enfoques sobre a situación da seguridade das traballadoras. Debateuse sobre os obxectivos, as obrigas e funcións vencelladas coa prevención de riscos laborais e os factores de risco do servizo. Tras catro horas de sesión, tratáronse os efectos da violencia sobre a saúde e as medidas de prevención necesarias.
Ao remate, o presidente da FEGAMP sinalou que se está a traballar de xeito “construtivo e plural” para acadar consensos e reclamar os cambios normativos que permitan ao protocolo ser útil.
Acordouse continuar cos traballos nunha nova reunión que se celebrará na primeira quincena de febreiro, co compromiso de seguir achegando as matizacións precisas para avanzar no documento definitivo.


