Mércores, Xaneiro 28, 2026
HomeNewsActualidadeA etapa decisiva da proba O Gran Camiño será en Pontevedra cun...

A etapa decisiva da proba O Gran Camiño será en Pontevedra cun percorrido entre As Neves e A Guarda

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, inclúe o Gran Camiño como un dos máis valiosos compoñentes da provincia do deporte. Na presentación da etapa que discorrerá pola provincia de Pontevedra desta sexta edición da carreira ciclista, o mandatario provincial puxo de manifesto a contribución do Gran Camiño á promoción do destino turístico Rías Baixas, que este ano pon o foco no turismo deportivo baixo o lema ‘A túa meta, o teu destino’.

“O Gran Camiño é o resumo perfecto dos beneficios que reporta para o conxunto da provincia a aposta polo deporte, a organización de grandes eventos e polo turismo deportivo”, afirmou o mandatario provincial sobre un evento deportivo de impacto internacional que este ano volverá contar co patrocinio da Deputación.

“A provincia de Pontevedra é a provincia do deporte”, afirmou a vicepresidenta provincial e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, para dar a benvida a todos os asistentes ao acto celebrado na Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, entre os que estiveron os alcaldes das Neves e A Guarda, Jose Manuel Alfonso e Roberto Carrero; concellos que serán saída e meta da etapa; así como o director do Gran Camiño, Ezequiel Mosquera; e o exciclista pontevedrés e gañador do Tour de Francia, Óscar Pereiro.

Cambio de data

Neste escenario deuse a coñecer os detalles da etapa pontevedresa da sexta edición do Gran Camiño, que despois de cinco anos de excelencia na organización e desenvolvemento da proba conseguiu a autorización da UCI para o cambio de data e evitar o tempo invernal das anteriores edicións.

Cando se celebra?

Este ano, O Gran Camiño celebrarase entre o 14 e o 18 de abril e constará de cinco etapas, partindo desde Portugal e pasando polas catro provincias galegas. A etapa pontevedresa será a derradeira e decisiva, terá lugar o 18 de abril cun percorrido entre As Neves e A Guarda que contará cun final espectacular e que, segundo aseguran desde a organización, non se decidirá ao sprint. “Falamos de dous territorios que albergan o mellor do ciclismo a nivel de provincia e representan a importancia do exterior e interior da provincia. O inicio nas Neves, que ten un potencial deportivo e turístico enorme; e o final, na Guarda, o segundo lugar máis visitado de Galicia”, salientou o presidente sobre o percorrido.

Os rexedores destes dous concellos tamén amosaron a súa satisfacción por acoller esta proba. “As Neves é un sitio no que hai moitos amantes do ciclismo, temos tres clubs ciclistas, e será unha homenaxe a todas esas persoas que senten o ciclismo no Concello”, agradeceu o alcalde Jose Manuel Alfonso. “Que o final desta etapa e de toda a ruta sexa na Guarda é motivo de orgullo. Somos o segundo lugar máis visitado de Galicia e temos unha das máis coñecidas marcas en España e fóra das fronterias”, engadiu o rexedor Roberto Carrero.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS