Ata este mediodía, o 112 Galicia rexistrou preto de 70 incidencias en Galicia que, maioritariamente, gardan relación coa situación meteorolóxica actual, e que afecta á comunidade desde primeiras horas da mañá de hoxe, segundo indican desde Emerxencias.
Fundamentalmente, as intervencións dos servizos de emerxencias céntranse nas estradas, onde se están a producir inundacións puntuais e bolsas de auga, pero tamén accidentes de tráfico, que, nalgúns casos, poden relacionarse coa climatoloxía.
Anegamentos e choques nas vías
Así, a diferenza doutros episodios nos que a chuvia vén acompañada de vento e provoca a caída de árbores, postes, cables e outro mobiliario urbano, nesta ocasión, as incidencias teñen máis que ver con anegamentos e choques nas vías. Afortunadamente, ningún dos accidentes rexistrados foi grave, aínda que, en algúns deles, foi necesaria a intervención dos bombeiros e equipos de emerxencias para a excarceración.
Neste senso, ás 9:30 horas de hoxe, en Vedra, o envorco dun camión na AP-53, en sentido Ourense, motivou a saída dos membros do GES de Brión, xa que o condutor necesitou axuda para saír do vehículo. Unha vez fóra, recibiu asistencia por parte do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazado ao lugar dos feitos: barallaban que puidera sufrir unha indisposición previa.
Por outra banda, pasadas as 9:00 horas, na Pastoriza, outro vehículo, neste caso un turismo, saíuse da vía contra un muro. Tamén aquí foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Vilalba para axudar á única ocupante do coche a saír e recibir a asistencia médica necesaria. Este accidente rexistrouse na N-640 en Pousada, A Pastoriza.
Ademais, na Coruña, pouco antes das dez desta mañá, produciuse unha colisión en cadea con cinco vehículos implicados. Ocorreu na AC-11 en sentido a entrada da cidade. Como consecuencia do choque, unha persoa resultou ferida e foi atendida por un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Dentro da mesma área metropolitana, en Oleiros, ás 11:30 horas, na AC-163, un coche con dúas persoas no interior, saíuse da vía e foi dar a un regato. Segundo explicaron os efectivos do servizo local de emerxencias, apuntalaron o coche por precaución e sacaron os dous ocupantes. Tamén solicitaron asistencia médica.
Máis recente, pasadas as dúas desta tarde, en Guitiriz, na N-6, envorcou outro turismo cunha persoa no interior, sen embargo, non foron necesarios os equipos de excarceración para sacala do vehículo. A persoa xa foi evacuada pola dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

