O pleno municipal do Porriño vén de dar luz verde á cesión dunha nova parcela municipal na Gulpilleira e a formalización dun protocolo de colaboración coa Sociedade Vivenda Pública de Galicia, co obxectivo de impulsar preto de 40 novas vivendas que se suman ás 300 que xa estaban previstas no marco do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) promovido coa Xunta de Galicia, alcanzando así un total de 340 novas vivendas no municipio. A proposta saíu adiante cos votos a favor do goberno local, coa abstención do PSOE e o voto en contra do BNG.
Esta actuación, tal e como asegurou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “permitirá avanzar na oferta de vivenda protexida no Porriño, facilitando o acceso a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para persoas e colectivos con maiores dificultades, con atención especial ás necesidades da mocidade”.
O protocolo contempla a cesión gratuíta do solo, a súa aceptación pola administración autonómica competente e a posterior promoción das vivendas, que se adxudicarán ás persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da comunidade autónoma de Galicia.
O Concello do Porriño comprométese a realizar as actuacións necesarias para que a parcela adquira condición de solo urbanizable e poida destinarse á edificación. O calendario prevé iniciar as obras de urbanización no segundo semestre de 2026, co obxectivo de rematalas no cuarto trimestre de 2027.
Pola súa banda, a administración autonómica tramitará a aceptación do solo e redactará os proxectos técnicos previos ao inicio das obras, licitando a edificación no prazo de tres meses desde a aprobación dos proxectos, sempre que o estado da urbanización o permita.

