Luns, Xaneiro 26, 2026
HomeNewsO PaísAlerta vermella no interior de Pontevedra por choivas moi intensas

Alerta vermella no interior de Pontevedra por choivas moi intensas

A Xunta suspendeu as clases en Agolada, A Cañiza, Covelo, Dozón, Forcarei, Lalín, Moraña, Silleda, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Estrada, Fornelos de Montes, A Lama, Rodeiro e Vila de Cruces.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activou para este luns unha alerta vermella por precipitacións no interior da provincia de Pontevedra, ante a previsión de choivas moi intensas.

Segundo informou a Aemet, desde as 08.00 horas desta mañá espéranse acumulacións de ata 120 litros por metro cadrado en apenas 12 horas, podendo acadar os 150 litros en 24 horas. O risco aumenta ao caer as precipitacións sobre solos xa saturados polas choivas dos últimos días e polo desxeo, o que incrementa a posibilidade de enchentes nos ríos e de desbordamentos. O aviso, cualificado de “perigosidade extrema”, manterase vixente ata a madrugada do martes.

Como medida preventiva, a Xunta de Galicia decidiu suspender as clases e o transporte escolar en 16 concellos do interior de Pontevedra: Agolada, A Cañiza, Covelo, Dozón, Forcarei, Lalín, Moraña, Silleda, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Estrada, Fornelos de Montes, A Lama, Rodeiro e Vila de Cruces.

Ademais, tamén quedaron suspendidas as actividades ao aire libre en numerosos municipios da provincia de Ourense, onde está activo un aviso laranxa por choivas que poderían superar os 80 litros por metro cadrado en 12 horas.

No resto da comunidade, o nivel de alerta é amarelo, con previsión de acumulacións de entre 15 e 40 litros por metro cadrado. A situación complétase cun aviso laranxa en todo o litoral por temporal costeiro, mentres que no interior se mantén a alerta amarela por refachos de vento que poden alcanzar os 80 quilómetros por hora.

Mensaxe esp-alert recibido hoxe no municipio de Covelo

A previsión apunta a unha lixeira mellora a partir da madrugada do martes, aínda que continuará a alerta laranxa na maior parte da costa por ondas de ata sete metros. MeteoGalicia tamén advirte dun novo episodio de neve para o martes, con avisos laranxas na montaña de Lugo e Ourense por acumulacións superiores aos 20 centímetros. A inestabilidade manterase durante o resto da semana, con ventos fortes e precipitacións persistentes en boa parte de Galicia.

Torre de Alta Tensión que a Borrasca Ingrid derrubou en Covelo o sábado

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS