O aeroporto de Santiago comezará as obras de renovación do pavimento da pista a partir da noite deste martes, 13 de xaneiro. As actuacións realizaranse en horario nocturno e está previsto que esta fase dure ata o 22 de abril.
Dende esa data, as actuacións continuarán en horario diurno, o que implicará o peche da infraestrutura durante un total de 35 días, ata o 27 de maio.
O comezo das actuacións será entre as 23:30 e as 5:30 horas da madrugada, segundo informa Aena. A obra foi adxudicada, a finais de xullo, ás empresas Padecasa Obras e Servizos SA, Infraestruturas Conelsan SA e F. Gómez e Cía SL por un importe de 26,6 millóns de euros. O prazo de execución é de 15 meses.
Os principais traballos pasan pola mellora do pavimento da pista, que contará cun alcance de máis dun metro de profundidade en catro zonas determinadas da pista, de máis de 19.000 metros cadrados. Para iso, usarase un total de 73.000 toneladas de asfalto. Estes traballos permitirán alongar a vida útil da pista e adecuala para a operativa futura.
Tamén figura a renovación do sistema de balizamento e da drenaxe no campo de voos, que axudará a mellorar a eficiencia enerxética do aeroporto, inclúe cambios no cableame, coa instalación de máis de 100 quilómetros de cable, ao redor de 900 novas balizas LED e 6,5 quilómetros de novos canlóns de drenaxe.

