jueves, diciembre 4, 2025
InicioNewsComarcasPonteareas entrega os premios da Ruta de Tapas Pinchotea 2025

Ponteareas entrega os premios da Ruta de Tapas Pinchotea 2025

O Concello de Ponteareas vén de presentar aos gañadores da terceira edición da Ruta de Tapas Pinchotea, unha iniciativa que se consolida como un referente gastronómico e lúdico na comarca. Nesta edición, o terceiro premio foi para El Túnel, o segundo premio para La Preciosa e o primeiro premio para La Carlotta Burguer. Ademais, o xurado outorgou unha Mención Especial a Luna Flores e a Vinoteca Casa Rivero

A alcaldesa, Nava Castro, destacou que “Pinchotea reafírmase como unha iniciativa que fortalece o tecido comercial, promove a cooperación entre negocios, atrae visitantes e xera movemento económico en diferentes capas da comunidade. Estas accións colectivas non só dinamizan a hostalaría, senón que tamén benefician de maneira indirecta a outros sectores locais, contribuíndo a unha economía máis viva e sostible. Animo a todos os locais que aínda non participan a sumarse nas vindeiras edicións e a aproveitar esta plataforma para innovar e destacar”.

O concelleiro de Comercio, Ricardo González, salientou que “un dos aspectos máis reseñables desta edición foi o evidente salto cualitativo na elaboración dos pinchos. Ano tras ano, o nivel creativo, técnico e de presentación continúa ascendendo, e nesta terceira edición alcanzouse unha excelencia destacada polos propios profesionais”.

Xurado

O xurado estivo composto por Fátima Estévez e Rebeca Moares, profesoras do EFA A Cancela do ciclo medio de panadería e confeitería, quen valoraron a calidade e creatividade das propostas presentadas. Tamén se contou coa colaboración de Roberto Walter, do Departamento de Operacións de Cociña do Centro Superior de Hostalaría de Galicia,, así como de diversas casas comerciais que aportaron premios como cursos, cuñas promocionais en radio, maquinaria profesional e utensilios. O Concello agradeceu a todas as casas comerciais polo seu apoio e a todos os bares participantes “polo esforzo e superación demostrados nesta edición”.

A terceira edición de Pinchotea 2025 rexistrou unha participación récord de 20 locais de hostalaría, con máis de 1.200 pinchos vendidos en algúns casos. O evento tamén implicou activamente á cidadanía, coa participación de máis de 3.200 usuarios a través de códigos QR e máis de 1.200 comentarios, que reflicten a experiencia vivida polos visitantes.

Ademais, o Concello celebrou o sorteo público de máis de corenta agasallos entre todas as persoas que depositaron o seu pasaporte nas caixas, consolidando a dimensión lúdica e participativa do evento.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS