martes, octubre 21, 2025
InicioNewsA Xunta analiza as propostas dos municipios do sur de Vigo para...

A Xunta analiza as propostas dos municipios do sur de Vigo para restructurar o servizo de bus interurbano

A Xunta informou hoxe aos concellos da área do sur de Vigo de que se están a analizar as súas suxestións para a reestruturación das concesións de autobús, tras finalizar este luns o prazo para que remitisen as súas achegas. Nunha comunicación enviada aos 18 concellos da área, a Xunta agradeceu «a súa participación de cara ao inicio dos traballos de definición dos novos servizos de autobús interurbano».

A comezos deste mes, a Xunta convidara aos concellos a trasladar as súas propostas de mellora do servizo ata este luns, a través de escritos enviados aos concellos de Baiona, Covelo, Gondomar, A Guarda, Mondariz, Mondariz Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Ponteareas, O Porriño, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui e Vigo.

Tal e como indican desde a administración autonómica, «unha vez que se revisen no seu conxunto as suxestións recibidas, e tras a correspondente análise técnica, a Xunta convocará os concellos para abordar as melloras concretas do servizo en cada municipio». A participación dos concellos enmárcase «no proceso de redeseño das concesións de transporte público que prestan servizo na área do sur de Vigo, que se resolveron no mes de setembro por mutuo acordo entre a Xunta e o operador Lugove«.

Baixo Miño, Condado, Paradanta e Vigo

A medida permitirá á Xunta abordar «unha reestruturación integral do transporte público nas comarcas do Baixo Miño, Condado, Paradanta e Vigo, para dar resposta ás necesidades de mobilidade da cidadanía que van máis aló da marxe de mellora existente nas actuais concesións«.

Catro das cinco concesións prestan exclusivamente servizos de transporte integrado. En concreto, os contratos de servizos compartidos son o XG667, que opera no termo municipal de Mondariz e no oeste do de Covelo; o XG668, que tamén opera en Mondariz; o XG669, que cobre o concello de Ponteareas; e o XG859, que circula no termo municipal de Tui. A concesión XG883 dá servizo á comarca do Baixo Miño e ao sur da comarca de Vigo.

Mentres non se implanten os novos contratos, durante un prazo máximo de 12 meses, as actuais concesións continuarán a prestar o servizo baixo as condicións fixadas. Deste xeito, a Xunta garante «que as necesidades de mobilidade da cidadanía seguen a estar atendidas durante este período, nunha área que en 2024 rexistrou preto de 1,9 millóns de viaxes, das cales máis de 470.000 foron realizadas por escolares a través do servizo de transporte integrado».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS