O Concello de Mos vén de anunciar un plan de investimento en obras públicas que supera os 3,5 millóns de euros, e que suporá unha profunda transformación de vías principais, servizos de saneamento e espazos de uso diario en diferentes parroquias.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “estas actuacións son o reflexo dun Mos que avanza con planificación, responsabilidade e visión de futuro; un Mos que medra pensando nas persoas e na calidade de vida da nosa veciñanza”.
Deste xeito, destacan catro grandes actuacións que xa están en marcha ou que iniciarán as súas obras en brevidade. Trátase de catro grandes proxectos de investimento municipal, co apoio doutras administracións públicas:
Por unha banda, a estrada Tameiga–Pereiras, con preto de 1,5 millóns de euros de investimento, trátase dunha das actuacións máis importantes dos últimos anos. O proxecto suporá unha mellora integral do firme e das beirarrúas, con nova iluminación, maior seguridade peonil e unha mellor conexión entre barrios, centros educativos e negocios locais.
Tamén, o saneamento en Cela (Fondo de Atín, Camiño do Millón e da Pereiriña) cun investimento de 434.329,45 €, o Concello de Mos amplía a rede de saneamento nesta zona, dando resposta a unha demanda histórica da veciñanza e garantindo un servizo esencial que mellora a saúde pública e o respecto polo medio ambiente.
As obras no Parque da Auga da Pesqueira, un proxecto que será licitado proximamente, que conta cun orzamento de 507.575,75 €, permitirá ampliar o Parque da Auga de A Pesqueira, polo que a superficie actual de 3.710 metros cadrados incrementarase en 4.767 metros cadrados adicionais, ata chegar a un total de 8.477. Esta expansión permitirá mellorar as catro zonas do parque existentes: zona de auga, parque infantil, área biosaudable e zona de esparexemento, con novos elementos de xogo e mobiliario urbano, no que está previsto que se inclúa unha zona de skate e rocódromo.
E por último, a obra do Porselo, con 701.556,68 € de investimento, esta actuación ten como obxectivo completar, en forma de anel, a senda xa existente entre o Edificio Multiusos das Pozas e ASO.DI.F.ISI., mellorando así a seguridade viaria e a mobilidade peonil nun dos principais eixes de circulación do municipio.
“Cada euro investido responde a unha planificación rigorosa e á vontade de seguir facendo de Mos un lugar mellor para vivir, con máis seguridade, mellores servizos e máis comodidade para todos e todas”, afirma a alcaldesa Nidia Arévalo.