miércoles, octubre 15, 2025
InicioNewsComarcasBaiona, Gondomar e Nigrán avanzan cara a unha "cidade dos 15 minutos"...

Baiona, Gondomar e Nigrán avanzan cara a unha «cidade dos 15 minutos» con 7 millóns de investimento

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia a consecución de 4,4 millóns de euros de fondos europeos para executar os proxectos do “Plan de Actuación Integrado (PAI) do Val Miñor. A cidade dos 15 minutos” impulsado polo organismo provincial e valorado nun total de 7,2 millóns de euros. Acompañado polos alcaldes dos tres concellos que compoñen a comarca do Val Miñor —Baiona, Nigrán e Gondomar—, o mandatario provincial puxo en valor a calidade da proposta, a mellor valorada entre todas as áreas urbanas funcionais de Galicia que concorreron á convocatoria; a colaboración e lealdade institucional entre os tres concellos e o goberno provincial, “deixando a un lado loitas partidistas”; e o papel da Deputación tanto para financiar a redacción da axenda urbana do Val Miñor como para conseguir fondos para a súa execución.

“Cada vez que reunimos neste salón de plenos a alcaldes da provincia é para anunciar grandes novas, neste caso para a veciñanza dos tres concellos do Val Miñor: Baiona, Nigrán e Gondomar. E a boa nova que temos que anunciar é a consecución de 4,4 M€ do Plan EDIL para executar o Plan de Actuación Integrado do Val Miñor. Uns fondos procedentes de Europa que servirán para financiar o proxecto de interconexión destes tres concellos baixo o lema ‘A cidade dos 15 minutos’. Un proxecto impulsado pola Deputación e valorado nun total de 7,2M€ e un plan que foi o mellor valorado de toda Galicia dentro da categoría de Áreas Urbanas Funcionais”, contextualizou o dirixente provincial. “Estamos moi contentos porque é un proxecto que se iniciou hai meses nunha decisión dos tres concellos e contou co gran apoio da Deputación, que financiou todo dentro da Axenda Urbana do Val Miñor e presentou este proxecto aos fondos europeos, que foi o mellor valorado”, resumiu o alcalde de Baiona a satisfacción dos concellos da comarca do Val Miñor. 

O contido do PAI do Val Miñor, a “Cidade dos 15 minutos”, busca a mellora da interconexión entre os concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar xira arredor de cinco piares, cada un deles con propostas de actuación concretas, que son a mellora da mobilidade, ambiental, do patrimonio cultural, dos equipamentos e do espazo público. “É unha folla de ruta para acadar cinco grandes metas que revolucionarán o espazo público destes tres concellos”, afirmou López antes de citar algunhas das intervencións propostas como a creación de sendas peonís, a recuperación dos mercados de abastos de Baiona e Gondomar, a rehabilitación da Casa Peralba, a construción de novos equipamentos culturais na Ramallosa, a rexeneración ambiental de enseada do río MIñor ou a humanización de varias rúas en Baiona. 

“Este é un triunfo colectivo”, asegurou López despois de botar a vista atrás para lembrar a presentación da axenda urbana do Val Miñor, que tivo lugar en xullo do ano 2024. Neste sentido, recoñeceu o traballo realizado polos alcaldes e os equipos de goberno dos tres concellos implicados. “Puxeron todo o seu coñecemento e traballo para deseñar proxectos tan ambiciosos como realistas”, valorou. Do mesmo xeito, salientou o apoio da Unión Europea, “que unha vez máis volveu demostrar que se pode construír unha Unión máis forte desde o local”. E neste punto, quixo tamén enxalzar o labor do alcalde de Baiona e deputado provincial de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña. “Foi a persoa que me puxo enriba da mesa, poucas semanas despois de tomar posesión como presidente da Deputación, a posibilidade de afrontar este proxecto e non lle puiden dicir que non, así que é un triunfo que se pode anotar no seu balance”, admitiu López, satisfeito porque a proposta do rexedor “tivo os seus froitos”. 

Con todo, segundo recoñeceron os propios alcaldes dos concellos do Val Miñor, «foi a implicación da Deputación para capitanear o proxecto o que fixo posible a consecución destes 4,4 millóns de euros de fondos europeos». “É novidoso que este proxecto sexa capitaneado pola Deputación, é un modelo distinto de facer que as deputacións cheguen ao territorio”, valorou Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar. “Hai dous anos que comezamos con esta proposta e contamos coa aposta da Deputación para impulsada”, engadiu Juan González, rexedor de Nigrán. “Grazas á Deputación, o proxecto da Área Urbana Funcional do Val Miñor foi o máis valorado”, remarcou Jesús Vázquez Almuíña, alcalde de Baiona. Neste sentido, o presidente Luis López tamén resaltou a implicación do organismo provincial neste proceso. “A Deputación volveu demostrar a súa capacidade de xestión para, por un lado, aprobar a Axenda Rural e Urbana que funciona como un paraugas para facilitar a captación de fondos; e por outro, prestar aos concellos a asistencia técnica necesaria para redactar os proxectos”, explicou López.

O acto, celebrado no Salón de plenos do Pazo provincial, concluíu co desexo compartido por todas as administracións implicadas neste proxecto de seguir avanzando para facer realidade un plan no que “hai moito traballo” por diante. “Quero dar os parabéns e recoñecer o traballo realizado polos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar; reafirmar o compromiso da Deputación co municipalismo e desexar que esta Área Urbana Funcional do Val Miñor siga dando pasos adiante”, rematou o presidente Luis López. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS