miércoles, octubre 8, 2025
InicioNewsActualidadeO BNG de Salvaterra denuncia a falta de profesorado nos cinco centros...

O BNG de Salvaterra denuncia a falta de profesorado nos cinco centros educativos da vila

O BNG de Salvaterra de Miño vén de denunciar a falta de profesorado en todos os centros educativos da vila. Segundo os nacionalistas, «a situación é insostibel» e aseguran que «os recursos e o profesorado non é suficiente para garantir unha educación con mínimos de calidade».

Segundo indica a voceira Patricia Mariño, a pesares de que a tónica xeral no municipio é de aumento de poboación e de alumnado, a Xunta de Galicia decidiu «non só non incrementar os medios, senón que reduciu o persoal docente incluso por baixo do establecido por ratios, o que está a xerar un grave impacto nas aulas».

A nacionalista explica que o CEIP de Leirado, por exemplo, «elevou a súa matrícula de 100 a 130 alumnos, mais, con todo, enfróntase ao recorte dunha mestra de Audición e Linguaxe (AL)».

Este centro, recoñecido co segundo premio ás boas prácticas en Educación Inclusiva, “está a ser privado dun dos piares fundamentais para garantir o apoio a estudantes con necesidades específicas”, destaca, subliñando que a pesares das demandas presentadas pola comunidade escolar ante a Inspección a posibilidade de reintegrar este recurso é “escasa ou nula” dadas as respostas recibidas ata o de agora.

O CEIP Carlos Casares, apunta Mariño, vive unha situación similar pois vese obrigado a compartir docentes con outros centros de ensino. Ademais, as horas de dirección que ten que cubrir o profesorado non se teñen en conta e non están a ser cubertas, e a falta de docentes orientadores está a afectar a atención que as e os estudantes necesitan.

O caso do CRA A Lagoa, segundo o Bloque, é quizais «o máis preocupante», xa que conta cunha coidadora pero ten que atender a cinco nenos e nenas con necesidades educativas especiais distribuídos en cinco centros diferentes. “Esta situación non só é insostible, senón que resulta un insulto á intelixencia porque a profesora ten que realizar desprazamentos constantes que fan imposible brindar unha atención adecuada ás e aos estudantes máis vulnerables”, subliña Mariño.

Así mesmo, o CEIP Infante Felipe atópase tamén nunha clara situación de déficit, xa que, aínda que debería contar con tres liñas educativas, actualmente opera só con dúas. “A escaseza de recursos na área de Audición e Linguaxe, Pedagoxía Terapéutica e profesorado de apoio pon en risco o dereito a unha educación inclusiva e de calidade para todas e todos os alumnos, especialmente aqueles que requiren atención especializada”, insiste a portavoz do BNG.

Finalmente, o Bloque denuncia que o Instituto de Salvaterra enfróntase a unha crecente necesidade de ampliación, non só do centro educativo en si, senón tamén da oferta formativa – máis ciclos-, que debe adaptarse ao aumento do alumnado. A falta dun patio cuberto, apuntan, é unha necesidade historicamente reclamada que limita as actividades ao aire libre.

Segundo subliña Mariño, «é hora de que a Consellería de Educación tome medidas inmediatas e efectivas para abordar as deficiencias que», subliña, «non son puntuais, senón xeralizadas en todos os centros educativos do municipio». “A educación é un dereito fundamental e a Xunta non fai outra cousa que «racanear» medios comprometendo a calidade do ensino”, finaliza.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS