O Concello de Ponteareas presenta unha nova edición de “Pinchotea”, o roteiro de petiscos que encherá de sabor, creatividade e ambiente festivo os bares e restaurantes do municipio durante as próximas semanas.
Esta iniciativa gastronómica, impulsada polo Concello de Ponteareas ten como obxectivo dinamizar a hostalería local e poñer en valor a riqueza culinaria da vila, convidando a veciños e visitantes a percorrer os establecementos participantes e degustar as súas mellores propostas en formato pincho.
“Queremos que Pinchotea sexa unha festa do padal, pero tamén unha oportunidade para apoiar ao sector hostaleiro e descubrir novas propostas gastronómicas que nacen do talento local”, destacou o concelleiro de Comercio, Ricardo González quen adiantou que as propostas poderán ser consultadas no sitio web pinchotea.ponteareas.gal ou capturando o código QR dos carteis que comezarán a colocar nos locais de hostalaría a partir desta fin de semana.
O roteiro Pinchotea 2025 ofrecerá os seus petiscos especiais a un prezo popular que non superá os tres euros. Cada petisco será unha creación exclusiva pensada para este roteiro, valorada tanto polo seu sabor como pola súa presentación e orixinalidade.
Como incentivo, o público disporá dun pasaporte que poderá selar e así participar no sorteo de agasallos, ceas, baños termais ou vales. O edil Ricardo González agradece o importante apoio das casas comerciais para nutrir este sorteo e tamén os premios. Cafes Donoso, Cooperativa do Requeixo das Neves, Cuatro Parroquias, Elena Pérez, Espazo Termal Teáns Salvaterra de Miño, Estrella Galicia, Froiz, Gadis, Reyvi e Si Radio son as empresas colaboradoras.
Un xurado profesional outorgará os premios do Pinchotea que volverá contar coas profesionais da EFA A Cancela y incorporará novos profesionais do sector hostaleiro. O Pinchotea terá lugar do 24 de outubro ao 9 de novembro, os xoves, venres e sábado en horario de 19:00 a 23:00 horas e os domingo en sesión vermut de 11:00 a 14:30 horas.