miércoles, septiembre 24, 2025
InicioNewsOs Entroidos do Oriente Ourensán xa locen a súa declaración de Festa...

Os Entroidos do Oriente Ourensán xa locen a súa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu este mércores á entrega dos diplomas de Festas de Interese Turístico Nacional aos Entroidos do Oriente Ourensán, que se oficiou no Teatro Real de Madrid. Xosé Merelles destaca a importancia destas celebracións na definición «dunha oferta singular para Galicia, baseada na súas tradicións e festas locais, así como o seu impacto na desestacionalización e na redistribución territorial da oferta».

En concreto, o director de Turismo de Galicia ponderou a importancia do recoñecemento á hora de dar visibilidade á rexión oriental da provincia ourensá a través dunha das súas celebracións máis senlleiras. Destacou, ademais, que «o Entroido supón un momento de importante mobilización turística, máis aló dos meses clásicos de tempada alta».

Os carnavais de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso recibiron a nova acreditación nun acto celebrado hoxe en Madrid, no que participaron os alcaldes dos respectivos municipios.

Interese de Galicia

A declaración de Festa de Interese Turístico Nacional para os Entroidos do Oriente Ourensán, como se denominou á candidatura conxunta, oficializouse a comezos do mes de xullo. Previamente, os carnavais acadaran a consideración de Interese de Turístico de Galicia: Viana do Bolo en 1999, Manzaneda en 2008 e Vilariño de Conso no ano 2016. 

As tres celebracións teñen elementos compartidos, como os folións ou fulións, comparsas musicais que percorren as vilas ao son dos tambores e doutros instrumentos de labranza. Cada unha ten, ademais, un personaxe característico, como o boteiro de Viana e Vilariño -que se diferencian nas caretas- ou as mázcaras de Manzaneda. 

O Entroido é unha das festas grandes en Galicia, que goza desde marzo deste ano da distinción de Ben de Interese Cultural ao ser recoñecido como «unha manifestación inmaterial sobranceira da Comunidade Autónoma de Galicia«. Ademais dos do Oriente Ourensán, o de Verín conta tamén coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional, mentres que o de Xinzo de Limia é desde 2019 Festa de Interese Turístico Internacional. Outros seis teñen a categoría de interese turístico en Galicia: os de Cobres, Laza, Maceda, Foz, os Xenerais do Ulla e o Enterro da Sardiña en Marín. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS