A programación do Verán Cultural de Salvaterra de Miño conta con tres grandes datas que se repiten ano tras ano e que tanto veciños e veciñas como visitantes agardan con gañas e ilusión.
As tres datas máis importantes do verán na vila do Miño son: O Son da Muralla, Imos de Guateque e a Festa do Viño do Condado do Tea. A primeira delas ten lugar na primeira fin de semana de agosto; o Guateque, na segunda fin de semana e a Festa do Viño na última fin de semana do mesmo mes e todas serán celebradas no recinto amurallado.
O Son da Muralla terá lugar o sábado 2 de agosto da man de seis DJ que farán sonar a súa música na súa XXIV edición.
Por outra banda, a proposta Imos de Guateque terá lugar á fin de semana seguinte, o sábado 9 de agosto, para rememorar os anos dourados dos 60, 70 e 80. Durante a noite, haberá música da época, photocall e sorteos. Ademais, recoméndase a todos os e as asistentes vir caracterizados.
O broche de ouro á programación do verán virá da man da Festa do Viño do Condado do Tea que celebra este 2025 a súa LXVI edición os días 29, 30 e 31 de agosto. Postos de gastronomía, concertos, catas de viño ou visitas ao museo do viño destacan entre a programación da festividade.
A todo isto, súmasenlle durante os meses de xullo e agosto a programación cultural diaria con espectáculos de danza, familiares, cine de rúa e festas infantís que teñen lugar na vila.