miércoles, julio 23, 2025
InicioNewsActualidadeEstas son as novas películas e series que contarán Galicia desde dentro

Estas son as novas películas e series que contarán Galicia desde dentro

A Xunta de Galicia achega 3.000.000 de euros para a realización de 26 novos títulos de cinema e televisión a través das subvencións para a produción e coprodución de longametraxes, curtametraxes e series. Na resolución de concesión publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, detállase a información dos proxectos subvencionados, dos que 10 corresponden á modalidade para longametraxes cinematográficas, dous á de longas en coprodución internacional minoritaria, 12 á de curtametraxes e dous á de series de televisión ou plataformas de vídeo baixo demanda.

No listado de beneficiarias destacan os proxectos con equipos femininos e o uso maioritario do idioma galego nas versións orixinais. Ademais, oito das longametraxes veñen avaladas pola concesión en anos anteriores das axudas do Goberno galego para a escritura do guión e para o desenvolvemento previo das tarefas de preprodución, polo que se lles facilita a súa continuidade cara á chegada ás pantallas.

Longametraxes

Na categoría de longametraxes, apóianse cinco proxectos de ficción con axudas de 300.000 ou 320.000 euros e outros cinco de xénero documental, con dotacións que se sitúan entre os 80.000 e os 120.000 euros.

Na modalidade de ficción atópase o thriller en español Petróleo, producido por Zuzú Cine SL baixo a dirección de Álvaro Pulpeiro, quen escribe a historia xunto á colombiana Laura C. Solano. Xa en versión orixinal en galego, finánciase A morte nos teus ollos, de Sétima S. Coop. Galega, unha proposta de cinema negro baseada nunha historia real coa dirección de Guillermo de Oliveira e coescrita con Miguel Barros; Merlo branco, de Valen Arts Paraíso AIE, do director Alberto Díaz xunto a Kyong Sik Suh Oh como coguionista; a nova longametraxe da cineasta Diana Toucedo Querer vivir un grito, de Miramemira SL, e Gloria e Olvido, presentada por Villamiseria AIE, con dirección e guión de Paula Cons a partir da idea orixinal de Victoria Teijeiro, tamén coguionista.

No referente ás películas documentais, todas en versión orixinal en galego, as subvencionadas son Nacenza, de Matriuska Producciones SL, dirixida por Amador Lorenzo e coescrita con Diana Pacheco, onde se retrata o labor dun veterinario rural do Macizo Central de Queixa-Manzaneda; As aspas, presentada por Sétima S. Coop. Galega, onde Berio Molina nos achega a realidade de tres amigas neurodiverxentes e residentes en Santiago de Compostela; O da miña nai, Zeitun Films SL, unha proposta na que Nerea Barros pretende atopar o legado do pai a través da memoria da súa nai; Toxo, presentado por Tamboura Films SL, co que Gael Herrera na dirección e María Rodríguez no guión, achegan a historia do inventor dun combustible feito coa planta do toxo, e Caso práctico, de Somadrome FIlms SL, da directora Ruth Chao acompañada na escritura por María Chao e Alphonse de la Puente.

En canto á categoría de coproducións internacionais con participación minoritaria española, a Xunta contribúe con 160.000 euros para cada unha á realización de dúas películas en lingua portuguesa. Trátase de Selvajaria, dirixida polo recoñecido cineasta luso Miguel Gomes, na que participa a galega Filmika Galaika xunto a produtoras de Portugal, Brasil, Francia e Italia, e Desgarrada, do tamén portugués Flávio Ferreira, unha película de Portugal coa implicación de Cósmica Producións dende Galicia.

Series de ficción

A serie de ficción Ugeres, de Miramemira SL en coprodución con Portugal, baixo a dirección de Sonia Méndez e con guión de Lidia Fraga, recibe unha axuda de 260.000 euros, mentres que a serie documental Destino próxima Centauri, de Somadrome Films, SL e con Ruth Chao como directora e coguionista xunto a Alphonse de la Puente, conta con 100.000 euros de achega.

Finalmente, estas axudas cofinancian con 15.000 ou 20.000 euros a realización de 12 curtametraxes: Nos lobos da terra (Omen SCP) de Lara Castro, Antes de nada (Rebordelos SL) de Sabela Eiriz, La buena hija (Jacobo García Fernández) de Paula Romero, Canto dura unha montaña (Sombriza Films) de Fran Rodríguez Casal, Lenon (Meridiano Films), Avisa cando chegues (Cristela Torres Nine), Lache (Algarabía Animación SC), Noutro tempo (Amateurfilms SL), Señora Azul (Gaitafilmes SL), Nemeto (Mala Herba Producións), así como os curtas de animación Terra (Gonzalo Enríquez Veloso) de David Fidalgo e Becho (Artyc Content SL) de Lau Maquedano.

«Solvencia e calidade»

A Xunta explica nun comunicado que «mantén un compromiso decidido co audiovisual galego, un ámbito estratéxico no marco das industrias culturais, e tramita neste 2025 nove liñas específicas de subvención a través das que destina máis de 6,8 M€ para o sector».

A finalidade deste programa integral e continuado de apoio «é facilitarlles ás empresas e profesionais un impulso económico que lles permita afrontar con solvencia e calidade os momentos clave do proceso audiovisual, que van dende o brote creativo ata a estrea de longas e curtametraxes cinematográficas, series e películas para televisión e plataformas, ademais de videoxogos».

Das nove convocatorias previstas este ano, xunto as de produción e coprodución que se acaban de resolver e que son as que contan con maior orzamento (3.000.000 euros), tamén están publicadas e resoltas as destinadas á organización de festivais (300.000 euros), a laboratorios, incubadoras e residencias audiovisuais (180.000 euros), ao desenvolvemento do sector dos videoxogos (150.000 euros) e á promoción do talento audiovisual (176.000 euros). Ademais, atópanse en proceso de resolución a destinada a desenvolvemento de proxectos (300.000 euros).

Pola súa banda, permanecen abertas as convocatorias para a atracción de rodaxes a Galicia (2.200.000 euros) e para a comercialización e difusión en foros de negocio e eventos especializados (70.000 euros), da que xa se publicaron tres quendas de adxudicacións. As bases das subvencións a salas de cinema (465.000 euros), as únicas que restan por convocarse este ano, teñen prevista a súa publicación no Diario Oficial de Galicia o próximo 31 de xullo

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS