O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou esta mañá a axencia Infinita Viajes, en Santiago de Compostela, unha das empresas participantes nesta nova edición do bono turístico, cuxo prazo de descarga para o público xeral se abriu hoxe mesmo.
Tras anunciar que o proceso comezaba ás 9:00 horas, Merelles destacou que o bono «avanza a bo ritmo», xa que nas primeiras horas xa se descargara máis dun terzo, cun total de preto de 7.000 bonos solicitados por particulares.
Ademais, xa se achegan aos 200 os establecementos adheridos, entre aloxamentos e axencias de viaxe.
O prazo remata o próximo 19 de decembro
No total da campaña, poranse en circulación máis de 16.000 bonos, que poderán empregarse en establecementos e servizos turísticos de Galicia desde o 15 de setembro ata o 25 de decembro deste ano.
Xosé Merelles animou á cidadanía a descargalos e ás empresas a sumarse ao programa, lembrando que toda a información está dispoñible en www.bonoturismo.gal. O prazo para descargar os bonos rematará o 19 de decembro.
A Xunta investirá 1 millón de euros, cunha previsión de mobilizar ata 2,5 millóns no sector turístico galego durante o outono.
Dous bonos por persoa
Cada persoa poderá solicitar ata dous bonos, cun importe individual de 150 euros, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia e nun 60% polas persoas usuarias. Estas últimas deberán aboar 90 euros por cada bono, e disporán así de 300 euros en total para desfrutar dunha estadía nalgún dos establecementos adheridos.
Aberto o prazo para establecementos
No que atinxe aos establecementos de aloxamento turístico e ás axencias de viaxe, o prazo de adhesión comezou o 15 de xullo e estará aberto ata o 1 de decembro.
Poderán sumarse os establecementos da comunidade e axencias con sede en Galicia, que desenvolvan a súa actividade no ámbito turístico e estean dadas de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT).
“Con este programa, a Xunta fomenta a desestacionalización e a desconcentración da demanda turística en Galicia”, subliñou Merelles, destacando que en novembro do ano pasado, coincidindo co desenvolvemento do bono, o número de viaxeiros incrementouse nun 12,3%.
Tamén fixo balance do programa desde a súa posta en marcha en 2020, e apuntou que se puxeron en circulación máis de 63.000 bonos turísticos, mobilizando máis de 16,5 millóns de euros no sector. Só en 2024, o impacto foi de 2,5 millóns, con máis de 400 establecementos participantes en toda Galicia.