A Real Academia Galega celebra a aprobación por parte da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia da proposta de revisión, corrección e actualización do Nomenclátor de Galicia. Tras este trámite, o documento redactado polos especialistas en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG que recolle os nomes das entidades de poboación da Comunidade Autónoma deberá ser aprobado proximamente no Consello da Xunta para a súa entrada e vigor. Entre esas modificacións, atópase A Cañiza, que perde o ñ polo n e pasará a nomearse A Caniza.
O coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina, foi o encargado de presentar a proposta esta mañá na xuntanza da Comisión de Toponimia canda outros académicos e persoal técnico da RAG. Previamente, o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, compareceu ante os medios de comunicación xunto ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para informar das principais novidades.
Con esta revisión, salientou Monteagudo, dáse un paso máis na normalización da toponimia galega. «Os nomes de lugar teñen unha grande importancia mesmo para a identidade local, e é tarefa da Academia darlle a súa forma normativa, respectando, por suposto, as características dialectais de cada zona», explicou. O presidente da Academia lembrou ademais que, segundo a Lei de Normalización Lingüística (1983), os topónimos de Galicia teñen como única forma oficial a galega e que lle corresponde á Xunta de Galicia a sanción final das denominacións das entidades de poboación que propón a RAG.
O informe incrementa substancialmente o número de topónimos rexistrados, que pasan de 41.409 a 42.909 entre nomes de concellos, parroquias e lugares. Algunhas incorporacións corresponden a novas entidades de poboación, se ben a maioría, máis de 1.100, son nomes de aldeas non contempladas polo INE por teren moi poucos habitantes, pero que se incorporan á listaxe grazas á información facilitada polos concellos, o Instituto de Estudos do Territorio e as persoas que colaboran con Galicia Nomeada, o proxecto da Academia e a Xunta para a xeolocalización de microtopónimos que designan leiras, montes ou veigas.
Canto aos topónimos xa incluídos no Nomenclátor aínda en vigor, ata o momento o Seminario de Onomástica revisou case 4.400 e ditou un novo ditame para 2.624. A etimoloxía do topónimo, as atestacións escritas na documentación histórica, a tradición gráfica consolidada nos últimos dous séculos ou o uso oral e escrito que a veciñanza fai do topónimo son algúns dos criterios lingüísticos tidos en conta polos especialistas para propoñeren unha serie de cambios que pretenden emendar os erros detectados no Nomenclátor de 2003. Moitos deles teñen que ver coa omisión de artigo e outro grupo importante restitúe a forma dialectal propia de cada lugar.
Que nomes cambian?
Segundo informa a Real Academia Galega nun comunicado, a gran maioría dos cambios corresponden a nomes de lugares ou parroquias, pero hainos que tamén atinxen nomes de concellos. Así o municipio ourensán rexistrado como Riós pasa a se denominar O Riós, o coruñés Porto do Son tamén incorpora o artigo e recoñécese como O Porto do Son, o mesmo acontece con O Campo Lameiro ou A Ribeira de Piquín, mentres que Castro Caldelas pasa a denominarse O Castro de Caldelas; Pastoriza deixa atrás o artigo e A Cañiza é A Caniza.
Pola súa banda, o responsable autonómico de Cultura, Lingua e Xuventude, López Campos, indica que «en total estudáronse 4.398 topónimos, ditaminando a modificación da denominación de 14 concellos, 183 parroquias e 2.335 lugares»”, sinalou López Campos » e que os cambios afectan aos concellos de A Caniza, A Ribeira de Piquín, Alfoz de Castro de Ouro, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, Mondariz Balneario, O Campo Lameiro, O Castro de Caldelas, Oporto del Son, O Riós, Oza Cesuras e Pastoriza.
Hai ademais uns 300 nomes que se eliminan, moitos deles tras se comprobar que en realidade non son entidades de poboación diferenciadas, senón nomes de terras ou rúas.
Proceso de traballo
Para realizar este traballo partiuse da base de datos do Nomenclátor de Galicia oficial desde o ano 2003 e cruzouse coa base de datos toponímica do Instituto Nacional de Estatística, coñecida como NomenINE, ademais de contar coas achegas da sociedade, que axudaron a xeorreferenciar a microtoponimia. Durante o proceso, analizáronse tanto cuestións lingüísticas, como é a ausencia do artigo no nome oficial —chegando a estudar 4.398 topónimos—, como cuestións xeográfico-administrativas, referidas a problemas de localización ou de categorización poboacional, cun total de 13.788 revisións.
Os criterios a seguir baseáronse na etimoloxía, na documentación histórica, na tradición gráfica consolidada nos dous últimos séculos e no uso oral e escrito que a veciñanza fai do topónimo. Na revisión tamén se tivo en conta o respecto pola forma dialectal propia de cada lugar e, ademais, procurouse emendar os erros detectados no Nomenclátor do 2003, fundamentalmente os relacionados co uso dos artigos.