viernes, julio 18, 2025
InicioNewsArqueólogos da UVigo descobren en Allariz o primeiro trilobite confirmado da época...

Arqueólogos da UVigo descobren en Allariz o primeiro trilobite confirmado da época romana

O descubrimento, realizado no ano 2021 pero publicado agora pola revista Archaeological and Anthropological Sciences, confirma que o xacemento de Armea, localizado no municipio ourensá de Allariz, agochaba un fósil sen precedentes.. E é que o grupo de arqueoloxía da Universidade de Vigo descubriron o primeiro trilobite atopado nun contexto romano.

Este achado localizouse nunha estancia utilizada como vertedoiro entre os séculos I e III d.C., e forma parte dunha colección de restos domésticos maioritariamente cerámicos. O equipo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, liderado polo docente Adolfo Fernández, confirmou que se trata dun fósil empregado intencionadamente polos habitantes romanos do asentamento.

Amuleto protector

O trilobite que atoparon os arqueólogos e as arqueólogas do Campus de Ourense amosa signos de manipulación que suxiren o seu uso como colgante ou pulseira, posiblemente como amuleto máxico ou protector. A súa orixe remóntase a unha zona situada a máis de 400 quilómetros do lugar do achado, no centro-sur da península ibérica, o que podería indicar a existencia dun comercio ou circulación de obxectos simbólicos durante o Imperio romano.

«É plausible considerar que o trilobite de Armea puidera ser percibido como posuidor de poderes máxicos e protectores para o seu portador, como ocorre con fósiles ou mesmo trilobites noutros contextos arqueolóxicos coñecidos», explican as e os autores do traballo, que na súa consideración final refíren unha coincidencia histórica «simple pero paradoxal», aseguran. «O trilobite de Armea foi atopado no nivel arqueolóxico xunto a unha moeda de bronce de Augusto, quen, segundo o historiador romano Suetonio, era un coleccionista de fósiles e fundou o primeiro museo paleontolóxico coñecido».

Do mesmo xeito, explican que «o espécime representa o primeiro trilobite confirmado de época romana e é o terceiro do rexistro arqueolóxico mundial recollido e utilizado por humanos hai máis de 1000 anos. As súas características paleontolóxicas e de conservación permiten situar a súa probable orixe no afloramento de esquisto del Ordovícico Medio no centro-sur da península ibérica, a máis de 430 quilómetros do xacemento onde se atopou».


 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS