O Concello do Porriño avanza na modernización do seu Mercado Municipal coa publicación da licitación para a reforma integral da Praza de Abastos, que se realizará ao longo deste ano e o próximo. O prazo para presentar ofertas estará aberto ata o 29 de xullo. Esta actuación, cun investimento superior aos 400.000 euros e financiada maioritariamente pola Xunta de Galicia, forma parte do proxecto estratéxico para transformar o mercado nun espazo moderno, funcional e accesible, mantendo o seu valor patrimonial.
A reforma inclúe a rehabilitación da cuberta e a restauración das fachadas, melloras na distribución dos postos de venda, especialmente nas zonas de peixaría e froitería, e a incorporación de novos sistemas de iluminación, protección solar e equipamentos comerciais compartidos. Ademais, prevese a recuperación de locais baleiros para a instalación de novos negocios, a renovación dos aseos e a mellora dos accesos, incluíndo a instalación de portas automáticas para facilitar a entrada de mercancías.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, sinala que «esta licitación é un paso decisivo para continuar co proceso de modernización dun mercado que é un símbolo do noso centro urbano e da economía local. Queremos que a Praza de Abastos siga sendo un espazo atractivo e funcional para praceiros e clientes, preservando a súa identidade e potenciando o comercio de proximidade».
Pola súa banda, a concelleira de Mercados, Antía Carrera, subliña o compromiso do Concello coa dinamización económica e social do mercado, «apostando por un modelo que combina tradición e innovación, coa sustentabilidade e a eficiencia enerxética como eixos fundamentais”.
Esta intervención enmárcase nun proxecto máis amplo que o Concello está a desenvolver por fases. Xa se investiron máis de 550.000 euros nas fases previas para renovar instalacións, mellorar a iluminación, ampliar espazos e renovar fachadas. Agora, esta nova fase vén consolidar esas melloras e adaptar o mercado ás necesidades actuais, mantendo vivo un edificio con valor arquitectónico asinado polo prestixioso arquitecto José Bar Boo.
Dende o Concello insístese en que esta non será a última actuación. “Aínda queda camiño por andar e non pararemos aquí”, asegurou o alcalde. “Seguiremos traballando para completar todas as fases do proxecto e facer da nosa Praza de Abastos un referente de modernización, servizo e identidade local”.