O porto da Guarda xa se está preparando para a XXXIII Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, cunha carpa de 1.200 metros cadrados.
A inauguración oficial da festa co pregón será ás 20:30h este venres 4 de xullo. O pregón volve ao porto da Guarda e conta cun persoeiro de luxo, Rafa Durán. O humorista e presentador de Baiona, será o encargado de dar a benvida a este 33ª edición da festa. Ademais, farase entrega da Langosta de Honra á Agrupación Musical da Guarda.
O exterior da carpa do porto converterase en escenario de tres concertos. A banda Meighalho, a Agrupación Musical da Guarda e O Sonoro Maxín para desfrutar da mellor gastronomía con música durante toda a fin de semana.
Ademais, este ano haberá un espectáculo dirixido ao público familiar, o sábado ás 20:00h. Trátase do espectáculo “Volando vengo!” de Kanbahiota, catro trapecistas que mesturan humor e acrobacias.
“A Festa da Langosta xa vai máis alá dunha carpa onde comer”, manifestaba o alcalde, Roberto Carrero, “este ano contamos con moita música, ademais gran parte dela de orixe local, e con espectáculo para desfrutar en familia dunha fin de semana espectacular”.
Durante o sábado e domingo haberá saídas de navegación co volanteiro Piueiro tanto pola mañá, ás 11:00 e ás 12:00h; como pola tarde, ás 17:00 e ás 18:00h. A información e as reservas estarán dispoñibles no punto de información do interior da carpa.
Nesta edición, o Concello da Guarda aposta por ampliar a festa tras «os excelentes datos de asistencia o ano pasado, cando se venderon máis de 700kg de langosta». Deste xeito, ademais do horario, tamén se amplía a capacidade da carpa ata os 600 comensais para que «veciños e visitantes, poidan gozar comodamente desta festa».